A 3ª edición de Xeración Sónica abre o prazo de inscrición – Pontevedra

A 3ª edición de Xeración Sónica abre o prazo de inscrición – Pontevedra

O concelleiro de Xuventude e Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou esta mañá unha nova edición de Xeración Sónica, un proxecto músico cultural promovido por Xuventude dende 2018 que ten entre os seus obxectivos formar á mocidade entre 13 e 16 anos, nesa idade na que remata o RockLab no Pazo da Cultura e está nun impás antes de poder comezar a ensaiar no Local de Música. “Dende a área de Xuventude ofrecémoslles esta posibilidade de aumentar e expandir os seus coñecementos musicais mediante este proxecto de titorización de proxectos artísticos, musicais e audiovisuais tamén. Queremos educar cultural e artísticamente á xuventude empregando a música como un elemento máis de cohesión social e de inclusión”.

A terceira edición levarase a cabo os xoves no Local de Ensaios incorporando como novidade a quenda de mañá – cun grupo de 10:00 a 11:30h e outro de 12:00 a 13:30 – para adaptarse ao horario partido que moitos centros de ensino están a levar a cabo por mor da Covid. Polas tardes haberá 4 grupos, dous de 16:00 a 17:30 e dous de 18:00 a 19:30h. Todos eles terán un aforo máximo de 4 persoas e levarán a cabo a súa actividade baixo todas as medias e protocolos vixentes por mor da situación actual.

“Son 6 bandas en total. Fácemolo así porque vemos que o proxecto pode ter un alcance moi amplo e vai tamén depender da nosa capacidade de poder chegar a usuarios, público, organismos públicos e privados que moven a economía social e por iso tamén procuramos un novo enfoque, conectando a cultura musical da mocidade do concello coa comunidade educativa tanto dende os centros de ensino secundario como da universidade” avanzou Oubiña.

A colaboración solicitada aos centros de ensino de secundaria será principalmente a nivel difusivo xa que “nos próximos días enviaremos unha carta para amosarlles o proxecto e facelos partícipes para que nos boten unha man e mediante un video de presentación, procurar que máis xente participe no cásting de Xeración Sónica”, sinalou.

Nun punto máis avanzado deste curso Alberto apuntaba á intención de conectar Xeración Sónica co Campus a través da Facultade de Belas Artes, de Ciencias Sociais, e tamén Educación e Comunicación Audiovisual. “A cidade como referencia cultural e artística a todos os niveis e a mocidade sendo partícipe e protagonista deste proxecto. O curso 19- 20 foi complicado por mor das circunstancias que todos coñecemos. Así como no ano anterior colaboramos co Galegote, Surfing The Lérez ou Culturgal, neste ano non se puido facer. Agardamos que no 2021 a situación mellore e poidamos reanudar estas colaboracións que son moi interesantes para rapazas e rapaces e tamén para amosar este potencial que teñen”.

Gonzalo Maceira, director do programa Xeración Sónica apuntou aos inicios do proxecto como algo experimental, para recoller alumnado que saía do RockLab, nenos e nenas de 13 anos que tiñan algo que contar a través da música, con ganas de participar en proxectos creativos, musicais e audiovisuais.” Naceu entón Xeración Sónica que achega a formación profesional en materia artística, audiovisual, técnica aos mozos e mozas da nosa cidade. O traballo por proxectos é esencial para fomentar que a  comunidade cultural e creativa poida avanzar”.

Na actualidade é xa un proxecto consolidado no que as bandas de edicións pasadas “teñen determinada autonomía aínda que continúan a recibir respaldo e asesoramento”.

Cada ano 6 bandas, 6 publicacións a través dun álbum recopilatorio, mediante o selo discográfico que crearon, Arte Calavera, que xa conta con 12 publicacións ás que se sumarán as 6 deste ano. Maceira apuntou a no curso 20- 21 se manterán dous proxectos da pasada edición – Froalla e Haku – e xurdirán 4 novos: “Temos moitas cousas, moitos proxectos e sobre todo moitas ganas.”

O proceso para formar parte do proxecto será como sempre a través do envío dun formulario de solicitude inicial, que está dende hoxe a disposición no web apuntate.pontevedra.gal Logo da mesma e tras unha entrevista, segundo idade, gustos, etc. a organización establecerá os grupos.

Todas as actividades serán levadas á cabo baixo rigorosas medias de prevención e protocolos, tamén o propio Local de Música, porque segundo apuntou Oubiña: “temos unha cuestión clarísima que é que a cultura é segura e queremos seguir amosándoo apostando por ela. Esta nova edición busca continuar formando unha xeira de músicas e músicos do futuro. As novas músicas e músicos da nova xeración que está chegando. Está petando na porta e vai tirala abaixo en calquera momento e dende o Concello vamos poñer todo o que estea nas nosas mans para que sexa posible”.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba