A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

 Emblema da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

Vén de celebrarse o noventa aniversario da fundación da Polifónica de Pontevedra cun belido concerto na igrexa conventual de San Francisco o pasado día nove de abril. Foi nese mesmo escenario onde iniciou a súa andaina un Xoves Santo, tamén nove de abril, de 1925. Ao día seguinte daría outro concerto na basílica de Santa María.

A Polifónica é unha desas institucións das que os pontevedreses deberían sentirse orgullosos ao mesmo tempo que presumir dela. A Pontevedra que a viu nacer, a dos anos vinte do pasado século, foi berce de moitas iniciativas de carácter cultural debido, entre outros factores, a unha profusa nómina de intelectuais de excepcional valía que conduciron as súas arelas e inquietudes a potenciar os valores culturais da cidade e de Galicia. Exemplo disto foi a traída da Misión Biolóxica, a fundación do Museo Provincial ou a propia creación da Coral Polifónica, entre outras. Foi unha época esplendorosa aquela, polo menos no senso cultural, coa Deputación presidida por De la Sota e os talentos que se atopaban pola cidade de Teucro.

Varios destes intelectuais coincidirán en iniciativas, moitas delas de carácter galeguista, unindo forzas. Así, na creación da Polifónica interviñeron personaxes tales como: Losada Dieguez, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle, Castelao, De la Sota, Alexandre Bóveda, etc. A pretensión de Castelao de fundar un Teatro de Arte para Galicia e a actividade dos membros do club Karepas foron factores que puxeron os alicerces dunha entidade que habería de converterse nun embaixador da cidade e un referente musical dentro e fóra de Galicia.

A finais do século XIX a música coral europea cobra renovada forza baixo o influxo do cecilianismo. A Polifónica pontevedresa adscríbese a este movemento musical na súa maneira de executar as obras, reivindicando unha interpretación da antiga música sacra e facéndoa inspiración para as novas creacións. O repertorio da Polifónica móstrase rico e variado: música medieval; música relixiosa; polifonía profana; cancións populares galegas, e tamén non galegas, harmonizadas; outras composicións clásicas e tamén estreas, aspecto este último debido ao traballo e sensibilidade dos seus directores. Ao primeiro deles, Antonio Blanco Porto, debémoslle a harmonización do afamado tema «Se vas a San Benitiño». Isto supoñía unha formulación nova para a época; a nosa coral nada tiña que envexar a outras europeas e de grandes cidades, e mesmo a súa influencia chegaría a distintas formacións musicais.

A pesar de de que o camiño percorrido pasou por distintos momentos e altibaixos, non cabe dúbida de que os case setecentos concertos, aquí e por varios lugares do mundo, a discografía gravada e máis os premios recibidos dan proba dunha traxectoria de éxito. E todo conseguido por xente non profesional no ámbito da música, pero si cunha firme disposición e, en moitos casos, unha sensibilidade e talento máis que latente. Chegaron a actuar para personaxes como Alfonso XIII, o Papa Xoán Paulo II ou Felipe VI, actual rei de España. Tamén actuou no polémico día do traslado dos restos de Castelao a San Domingos de Bonaval. En 1951 foi dirixida excepcionalmente polo británico Leopold Stokowski nun concerto na catedral de Santiago. O director de orquestra dedicou sentidas gabanzas á Coral, a elas únense varias críticas laudatorias de Otero Pedrayo, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, Adolfo Salazar, Rafael Dieste, Castell, Joaquín Turina, Ribas Montenegro, Rancine Benoit, Federico Sopeña…

 Imaxe: http://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com.es/2011/04/coral-polifonica-de-pontevedra.html

Co paso do tempo a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra adquire un patrimonio musical de inmenso valor, pero tamén posúe en propiedade tesouros materiais como os panos de fondo e decorados elaborados por Castelao que foi cantor, escenógrafo e logo presidente. Estes decorados constitúen unha fermosa mostra das artes escénicas en Galicia e atópanse depositados no Museo de Pontevedra. A Castelao tamén se debe a creación do emblema da Coral, o cal ao principio ía ser a representación de san Ero de Armenteira pero ao final optouse polo rei músico David que atopamos no pórtico da fachada de Praterías da catedral compostelá.

Para os novos tempos, Pontevedra ten que ser consciente do valor que supón contar con agrupacións como a Polifónica, que dende a ilusión e o ideario culto fíxose forte e constitúe un dos referentes da cidade que a acolleu. De momento a placa conmemorativa, desaparecida un día na rúa Laranxo, non ten sido reposta.

PRESIDENTES

    1. Antonio Losada Diéguez: 1925-1929
    2. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: 1929-1932
    3. José Blein Llinas: 1932-1947
    4. Vicente Riestra Calderon : 1947-1967
    5. Augusto García Sánchez: 1967-1978
    6. Xosé Fernando Filgueira Valverde: 1978-1996

 

  • Xosé Carlos Valle Pérez: 1996 – (actualidade)

 

 

    DIRECTORES

  1. Antonio Blanco Porto: 1925-1940
  2. Antonio Iglesias Vilarelle: 1940-1964
  3. Manuel Fernández Cayeiro: 1964-1967
  4. Agustín Bertomeu Salazar:1968-1977
  5. Jose Antonio Sánchez rodríguez: 1977-1980
  6. José Verea Montero: 1980-1998
  7. Manuel Fernández Cayeiro: 1998-2007
  8. Marlene Armentero Cutiño: 2008-2013
  9. Nanette Sánchez Ordaz: 2013 – (actualidade)

 

     ALGUNHAS DISTINCIÓNS

  • Primeira medalla de prata da cidade de Pontevedra
  • Medalla de  Prata do Ateneo «Santa Cecilia» de Marín
  • Premio «Amigos de Pontevedra»
  • Medalla de Prata das Rutas Cicloturísticas do Románico
  • Colaboradora de honra da asociación Española de Periodistas y Escritores de Turismo
  • Premio Cidade de Pontevedra

Imaxe: http://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com.es/2011/04/coral-polifonica-de-pontevedra.html

 

Para saber máis:

– VV.AA.: Sociedad Coral Polifónica Pontevedra. 75 aniversario da súa fundación (1925-2000),Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2000.

– COSTAS VÁZQUEZ, L.: Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra. Unha voz na polifonía europea, libro-CD, Ouvirmos, Lugo, 2004.

http://ramonrozas.blogspot.com.es/2015/04/tres-actos-de-un-concierto-de-90-anos.html [consultado 26-4-2015]

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba