Discurso do alcalde de Pontevedra na Inauguración da Culturgal 2020

Discurso do alcalde de Pontevedra na Inauguración da Culturgal 2020

Intervención do Alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores

Amigos e amigas, boa tarde e benvidos a unha nova edición da Culturgal.

Permitídeme que comece a miña intervención cunha sentenza da Unesco que sintetiza á perfección unha das principais evidencias que a Covid vén de poñer enriba da mesa: “en tempos de crise, as persoas precisamos a Cultura máis ca nunca”. E se de algo podemos presumir neste país é da potencia e da calidade da nosa Cultura.

Ao longo dos séculos, a cultura galega ten demostrado a súa capacidade de resistencia, sobrevinvindo mesmo aos períodos máis escuros e sombríos da nosa historia. Mais en pleno século XXI o sector cultural no seu conxunto, entendido como a profesionalización da creación, produción, distribución e comercialización, sigue sendo máis feble do que sería propio dun país coa riqueza en talento que ten Galiza. Nin o sector nin a sociedade merecen esta febleza. Por iso, se xa sempre foi preciso que as Administracións estiveramos á altura, neste momento é aínda máis necesario ca nunca.

E esta é precisamente a liña política que o Concello de Pontevedra vén desenvolvendo nos últimos 20 anos, porque que Pontevedra sexa a cidade que leva 12 anos, de trece, acollendo a Feira Culturgal non é casualidade. É a constatación de que estamos sempre en disposición de apostar polo fomento e a promoción da cultura de noso, a cultura propia, a galega, a que fai país. A que nos fai sentir orgullosos e orgullosas dentro e fóra das nosas fronteiras.

Estar á altura das circunstancias tamén significa, neste ano no que todos os proxectos culturais se tambalean, repensar o noso papel como axentes públicos e ser proactivos á hora de dar respostas acaídas, tanto para o sector como para o público. Afrontar a excepcionalidade desde a urxencia é posible. En Pontevedra temos exemplos: a reformulación do Salón do Libro cara o formato dixital, ou a programación cultural de verán na rúa, con aforos reducidos pero multiplicando o número de espectáculos, de escenarios e de contratos a compañías, artistas e empresas auxiliares.

Mais a Covid, tamén nos trouxo outra evidencia: a necesidade de apostar polo próximo, por escalas máis humanas, por reforzar os tecidos económicos e sociais do noso territorio. Ou sexa, que a crise da pandemia tamén nos está dando a oportunidade de fortalecer as nosas redes máis inmediatas, e de promover a creatividade a partires de todos eses valores que, como pobo, nos fan diferentes e singulares: o idioma, a idiosincrasia, e a innovación a partires da tradición e das raíces.

E estar á altura das circunstancias tamén implica reforzar os orzamentos destinados á Cultura, porque a Cultura é prioritaria, sempre é socialmente rendible, e as empresas e profesionais que se dedican a ela están vendo as súas contas igual de castigadas que moitos outros sectores igual de importantes e prioritarios.

Pular pola cultura galega é unha cuestión de orzamento, pero non só. Tamén é unha cuestión de responsabilidade para co futuro do país, asentada na confianza nas nosas propias capacidades e na seguranza de que Galiza é un país rico en talento que merece ser defendido, apoiado e protexido.

A Feira Culturgal traballa nesta mesma filosofía, reunindo proxectos, empresas e profesionais que fan grande este país. Por iso valoramos moi especialmente a valentía e o esforzo de todo o equipo da feira por manter esta cita, por non achantarse ante a adversidade das circunstancias, e por sacar adiante esta edición especial e histórica.

Eu non quero rematar sen trasladarlle os parabéns ao equipo do filme ‘Ons’, por asumir proxectos de calidade e en clave galega, e reiterando o noso compromiso para co Culturgal. No Concello de Pontevedra teredes sempre un compañeiro de viaxe cómplice.

Moitas grazas

 

 

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba