Do noso primeiro tranvía a vapor, ao noso último ‘ trole’ pontevedrés

Do noso primeiro tranvía a vapor,  ao noso último ‘ trole’ pontevedrés

Todos os que somos pontevedreses, e igualmente visitantes, maiores e non tan maiores; lembrarán con agarimo e certa nostalxia, aqueles trolebuses ou “ troles”, como eran chamados cariñosamente; que comunicaban Pontevedra con Marín por unha banda, e con Lérez por outro.

Disertaremos sobre eles, pero non sen antes., falar dos seus precedentes: O tranvía en Pontevedra.

O TRANVÍA A VAPOR
Remontámonos ao século XIX, en concreto ao ano 1879; onde na Gazeta de Madrid, con data 9 de febreiro, exponse o estudo dun proxecto de tranvía entre Pontevedra e Marín, presentado diante de a Administración por Don Carlos Gastañaduy e Don Prudencio Otero. Será no ano 1887 cando lles será outorgado a concesión en susbasta.

En xuño de 1889 comezarán as tarefas destes 7,1 quilómetros de vía; establecendo o principio de liña na estación de ferrocarril de Pontevedra, con outras estacións no percorrido; en Lourizán, Estribela e finalmente o porto de Marín; acomodándose o itinerario á estrada existente a Cangas.

No seu paso por Marín, cruzaba a localidade pola rúa da Reina, chegando á Praza do Muelle e ao espigón este do porto.

En 1907 a concesión será traspasada a Don Alejandro Mon, Don José Riestra (Marqués de Riestra) e Gaspar Massó Ferrer.

A liña comeza a funcionar en xuño de 1889, non sen problemas, unhas veces por cuestións técnicas -descarrilamentos, falta de correcto mantemento-, e outros problemas de índole fiscal. Todo iso conlevará a unha decadencia progresiva desta empresa. Chegamos así ao tranvía eléctrico.

Estación de Marín principios do século XX

 

TRANVÍA ELÉCTRICO
Situámonos a principios do século XX no ano 1917, que é cando se planifica a eletrificación, que se fará efectiva en 1922 cando se crea a Compañía dos Tranvías Eléctricos de Pontevedra.

Don Teodosio Domínguez aspira ante a Dirección Xeral de Obras Públicas ao proxecto dun tranvía eléctrico que partiría de Santiago do Burgo -Praza de Abastos, continuando o traxecto por:

Rúa Arzobispo Malvar
praza do Concello (Plaza de España)
Rúa da Oliva
Rúa Michelena

Continuando o seu traxecto pola estrada a Marín, contando con diferentes bifurcacións a:

Placeres
Lonxa de Estribela
Peirao Este Puerto de Marín – Rúa Reina de Marín

O proxecto foi subscrito polo enxeñeiro Don Vicente Riestra Calderón e adxudicado a Don Teodosio Domínguez en 1922. E así se implantó a S.A. do Tranvía Eléctrico de Pontevedra, que uniría á nosa cidade con Marín e Lérez, contando con varios ramais.

En febreiro de 1924 viaxará por última vez o vello tranvía a vapor; e iniciaranse as obras para electrificar a liña. O 18 de decembro de 1924 ponse en funcionamento, quedando establecidas as liñas da seguinte maneira:

Liña 1. Pontevedra – Lérez.
Liña 2. Pontevedra – Marín.
Liña 3. Pontevedra a Marín pola Lonxa de Estribela (mercadorías)

Tranvía na Praza do Concello ou Praza de España a principios do século XX

E estará en funcionamento ata a época da guerra civil. Posteriormente a esta, nos anos 40, o Ministerio de Obras Públicas, modifica e reforma a estrada entre Pontevedra e Marín, sendo substituídos os tranvías polos trolebuses, decisión que toma a Compañía de Tranvías Eléctricos de Pontevedra.

OS “TROLES”
O servizo de trolebuses foi inaugurado o 15 de decembro de 1943 cun custo de 60 céntimos de peseta; e percorría os 8 quilómetros entre Pontevedra e Marín.

Nos anos 50 habilitaríase entre Pontevedra e Lérez, para prolongarse nos anos 60 a Alba.

O primeiro trolebús saíndo da Praza de Galicia en Pontevedra

 

Trolebús facendo o seu traxecto pola estrada Pontevedra – Marín

Os trolebuses foron mercados en Londres, os primeiros dun piso, e a principios da década dos 60, chegaron aqueles míticos de dous pisos.
Desembarcaron oito destes últimos ao porto de Marín no febreiro do 61.

Descarga dos trolebuses de dous pisos á súa chegada ao Porto de Marín

No ano 77, a compañía de trolebuses foi asimilada por Transportes A Unión, e adquiríronse 17 novos vehículos en Valencia.

Trolebús chegando á Praza de Galicia de Pontevedra

 

Interior dos trolebuses

Nos 80 chegou o declive; material envellecido e mal conservado acompañado de excaso mantemento . Tan é así, que no ano 88 interrómpese e elimina a liña Pontevedra – Lérez- Alba, e no ano seguinte en agosto, desaparecen definitivamente todos os trolebuses; sendo substituídos polas liñas de autobuses que coñecemos actualmente.

Triste final dos nosos troles, no seu particular “cemiterio”

Terminaba así, unha historia de máis de 40 anos, e un símbolo de Pontevedra e Marín, que se reflectiu en películas como “Botón de Ancla”, e nos que viaxaban habitualmente , entre outros, personaxes tan populares como John Balan.

Ilustracións Copyright © Maria del Puerto Portela (Porgaliciabaixo)

Máis información:

https://www.spanishrailway.com/tranvia-de-pontevedra-a-marin/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/marin/2018/01/11/billete-trolebus-marin-lerez-sube-37-31-pesetas/0003_201801P11C11992.htm

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/pontevedra-ciudad/70-anos-del-primer-trolebus-que-unio-pontevedra-y-marin/20131215010000241410.html

 

 

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 1 Average: 5]
Comparte!
Voltar arriba