Homenaxe a Isaac Díaz Pardo no Gaiás: ‘As miradas de Isaac’

Homenaxe a Isaac Díaz Pardo no Gaiás: ‘As miradas de Isaac’

‘As miradas de Isaac’ é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012) e faise facéndoa coincidir co centenario do nacemento (22 de agosto de 1920) co obxecto de situar como merece na  historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

E para iso, poucas persoas mellores ca Xosé e Camilio Díaz Arias de Castro, os seus fillos, para guiarnos no relato como comisarios da mostra, que contará con 263 obras de arte, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais para reconstruír no Museo Centro Gaiás a vida de entrega a Galicia desde a pintura, a cerámica, o deseño, a escritura e a iniciativa empresarial deste personaxe irrepetible.

A través delas analizaranse e divulgaranse ao home e a súa obra: a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

ESPAZO AUDIOVISUAL
A exposición conta cun espazo central vertebrador das súas diferentes seccións: unha peza audiovisual realizada por Cecilia Díaz –fotógrafa especializada en retrato, moda, editorial e produto e xornalista cultural– e Jordi Cussó –realizador con traballos nos campos da curtametraxe, a publicidade e os videoclips musicais– e no que, a través de fragmentos de entrevistas de arquivo, se vai debullando a vida e pensamento de Isaac Díaz Pardo.

Por último, trátase dunha mostra que procura, ademais, expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, posiblemente un dos personaxe máis homenaxeados, admirados e queridos da historia recente de Galicia.

Ver Video

Fonte: Cidade da Cultura

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 1 Average: 1]
Comparte!
Voltar arriba