Inauguración do mural da Señora Lola – Pontevedra

Inauguración do mural da Señora Lola – Pontevedra

Lores: “Non se me ocorre mellor  homenaxe que inmortalizar á señora Lola  custodiando Pasarón”  

O alcalde presidiu o acto formal de inauguración do mural  realizado polo pintor Yoseba Muruzábal no que se  homenaxeou a memoria de Dolores Calviño  

O mural en homenaxe á señora Lola situado nunha medianeira diante de Pasarón foi  inaugurado esta tarde nun acto moi reducido que estivo presidido polo alcalde, Miguel  Anxo Fernández Lores, e no que interviron o pintor Yoseba Muruzábal, a presidenta do  Pontevedra CF, Lupe Murillo, o ex-xogador Modesto Martínez Pillado, a coordinadora do  programa A memoria das mulleres, Montse Fajardo, a sobriña da señora Lola, Maruja  Calviño Cereijo, e o concelleiro de Urbanismo e Memoria Histórica, Xaquín Moreda.  

“Non se me ocorre mellor homenaxe que inmortalizar á señora Lola, con ese sorriso de  satisfacción e esa mirada agarimosa, custodiando o estadio que ela converteu na súa  casa e o equipo que un día foi a súa familia” asegurou o alcalde durante a súa  intervención. 

Fernández Lores indicou que o “carisma” da homenaxeada “procedía da súa humildade,  da súa capacidade de traballo, e da súa paixón e amor polo club. E iso é o que eu quixera  destacar hoxe aquí da señora Lola: a súa capacidade para inspirar”. Ao tempo que  salientou que “a señora Lola formou parte do Pontevedra nunha das mellores épocas da  súa historia e, o máis importante, chegou a converterse nun emblema do club sen  necesidade de saltar ao campo para marcar goles”. 

O alcalde agracedeu a todas as persoas que contribuíron a facer posible o mural e  especialmente ao seu autor de quen afirmou que “se neste país hai un pintor que xa ten  demostrado amplamente a súa capacidade para homenaxear nos seus murais ás  mulleres humildes e traballadoras desta terra, ese é Yoseba Muruzábal. Tivemos a sorte  de contar co seu talento e coa súa habilidade artística para plasmar desta forma tan  exquisita que podemos ver aquí á señora Lola e a súa relación co Pontevedra.

Pola súa banda, Yoseba Muruzábal recoñeceu que este traballo “supuxo un grandísimo  esforzo e custoume moitísimo traballo” pero como contraparte salientou que “tiven  moitísimo apoio e moitísimo impulso desde a rúa, porque todo o mundo aquí a coñecía e  todo o mundo tiña algo bo que dicir dela”. A sobriña de Dolores Calviño, moi emocionada,  agracedeu o mural cunha única frase: “gracias a todos porque está preciosa e ela estaría  ilusionadísima”. 

Modesto Martínez Pillado aproveitou para lembrar anécdotas vividas coa señora Lola nos  seus tempos de xogador para ilustrar o seu moito carácter. Da súa vida persoal menciou  que “pasou moitas na vida e tivo que facer moitas renuncias” ao tempo que afirmou que  “a señora Lola seguramente estará por aquí neste intre”. Pola banda, Montse Fajardo fixo  fincapé en que esta intervención artística “encarna moi ben o espírito do programa A  memoria das mulleres porque foi unha muller que destacou, a través dun traballo moi  humilde, nun mundo moi masculinizado”. Por último, Lupe Murillo afirmou “a señora Lola  foi unha institución no noso clube e é importantísimo que sexa valora e respectada” e que  “o seu amor polas cores do clube lle deu un plus ao seu traballo”. 

Ao acto, ademais das persoas que interviron, tamén asistiron os portavoces dos grupos  da corporación municipal, familiares de Dolores Calviño, as tres propietarias do edificio  que acolle o mural, o presidente da Asociación veciñal do Burgo, Manuel Lavía, o  responsable do arquivo do Diario de Pontevedra, Ramón Rozas, membros do Pontevedra  CF como Manolo Barreiro e Rafa Vidal, e representantes de agrupacións de siareiros.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba