- por GaZeta
A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha esta semana unha nova proposta formativa: “Educación artística na escola”, coa que pretende fomentar a aprendizaxe e a práctica musical entre os estudantes dos centros educativos
Son obradoiros de iniciación á guitarra, dirixidos a alumnado da ESO e Formación Profesional, e forman parte da programación de actividades educativas que o Concello pon á disposición da comunidade educativa, complementarias ás distintas áreas de coñecemento, e atendendo as peticións do profesorado dos centros.
O programa aposta pola guitarra como un dos instrumentos máis populares e tamén máis utilizados para acompañar a voz. Así, un músico profesional achegarase aos centros de ensino que soliciten a actividade para explicar polo miúdo este instrumento na súa forma máis ampla e así amosar a súa versatilidade.
Os obxectivos que se perseguen son: animar o alumnado a tocar un instrumento musical, identificar os tipos de guitarra e as súas posibilidades, explicar as distintas técnicas e recoñecer diferentes ritmos.
A actividade comezará este xoves, 18 de novembro, no CPR Divino Maestro. Cada grupo clase ou burbulla participante terá unha sesión cunha duración aproximada de 90 minutos e cumprirase en todo momento co protocolo COVID.