Quinta edición do Ciclo Lírico no Auditorio Municipal. Ourense

Quinta edición do Ciclo Lírico no Auditorio Municipal. Ourense

O mércores 25 de novembro arrinca unha nova edición, a quinta, do Ciclo Lírico de Ourense. Serán tres concertos temáticos, todos no Auditorio Municipal de Ourense, con comezo ás 20:30h, dentro dun programa variado, amplo e diferente. “Propostas para todos os gustos, para pechar os ollos e marabillarse ante a potencia da voz, xunto ao piano, ou outros instrumentos”, aseguran desde o departamento de Cultura.

Mércores 25, En terras alleas. O primeiro concerto terá como protagonista a música que deu a volta ao mundo. Neste ano no que se cumpre o quinto centenario da extraordinaria viaxe que demostrou que a Terra non era plana, capitaneado por Magalhães e Elcano, visitará a cidade o trío composto pola soprano Delia Agúndez, a viola de gamba de María Alejandra Saturno e Alicia Lázaro, co laúde. Gozaremos de músicas que foron desde a vella Europa á (nova) América e, enriquecidas, volveron. Porque, como todo, a música non para, está viva, muda e transfórmase con cada xeración.

Xoves 26, Os labores de lied. O segundo concerto levaranos ao centro de Europa, o berce da lírica, para escoitar os máis afamados lieds. A voz do baixo eslovaco Peter Keller, acompañado ao piano por Alejandro Picó-Leonís, porá en escena obras de compositores clásicos e imperdibles. Recordaremos o 250 aniversario do nacemento do mestre Beethoven e logo pasaremos a Schubert. Música imperdible, música inesquecible.

Venres 26, Homenaxe a NÓS. E para rematar esta edición do ciclo, deteremos a nosa viaxe na nosa terra, neste ano no que, tamén, conmemoramos o centenario da Xeración Nós. Como un acto máis en homenaxe, poderemos escoitar da voz de Nuria Lorenzo, mezzosoprano, acompañada ao piano por Alejo Amoedo, obras con textos de Pedrayo, Risco ou Cuevillas. Outros textos serán de Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger ou Curros Enríquez. A noite, e o ciclo, rematará cunha estrea, un regalo de Juan Durán, premio Raíña Sofía de composición, “Tríptico rosaliano”, sobre poemas de Rosalía de Castro.

As entradas para o ciclo xa poden adquirirse a través da plataforma aTaquilla a un prezo de oito euros.

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba