Semana da Ciencia. Pontevedra

Semana da Ciencia. Pontevedra

O Concello de Pontevedra amosa de novo o seu compromiso coa divulgación científica organizando un ano máis, dende a Concellaría de Cultura, a Semana da Ciencia na que participarán as científicas galegas Olalla Vázquez e María de la Fuente.

As testemuñas de ambas, profesionais de recoñecido prestixio, visibilizarán a situación do sector da investigación no país, centrándose na fuga de cerebros, a precariedade laboral ou a desigualdade de xénero a través de dúas charlas organizadas en colaboración con Gciencia.

As conexións terán lugar ás 20:00h. do luns 23 (María de la Fuente) e o mércores 25 (Olalla Váquez) en streaming dende o Pazo da Cultura e serán retransmitidas en directo a través do web de www.gciencia.gal e as súas canles de Youtube e Facebook.

As conferencias estarán conducidas por Gciencia, premio Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio de divulgación científica, que colabora na organización das mesmas, e serán presentadas pola concelleira de Cultura Carme Fouces.

O luns, 23 de novembro, a convidada virtual será María de la Fuente (As Pontes, 1978). É licenciada en Farmacia pola USC (2001), e realizou a súa tese de doutoramento no departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da mesma institución. Realizou estadías nas universidades de Valladolid e Kuopio (Finlandia). Durante a súa etapa posdoutoral traballou durante catro anos na Escola de Farmacia da University College of London e ao seu regreso, despois de dous anos no CiMUS da USC, puxo en marcha a Unidade de Nanooncoloxía no IDIS de Santiago, co obxectivo de abordar novas ferramentas de terapia e diagnóstico, baseadas en nanotecnoloxía, para combater o cancro e a metástase.

Nos últimos anos, De la Fuente foi unha das impulsoras da campaña “Ou científica ou nai”, coa que reclamaron ás institucións que financian as convocatorias de investigación que solucionen os problemas aínda existentes debido á penalización que sofren as nais que dispoñen de permisos de maternidade. Froito desta campaña, o Goberno español accedeu a revisar as convocatorias para frear esta discriminación.

A segunda das entrevistas, o 25 de novembro, será con Olalla Vázquez (Pontevedra, 1981). É graduada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (2004), onde realizou tamén o seu doutoramento, dirixido polos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez. Realizou estadías en Harvard e a universidade Humboldt de Berlín. Despois de presentar a súa tese, incorporouse ao laboratorio do profesor Oliver Seitz na universidade berlinesa. No 2011 recibiu unha bolsa Marie Curie para explorar a síntese de proteínas destinadas a combater o cancro. No 2014 estableceuse na Universidade Phillips de Marburg, onde na actualidade lidera o seu propio laboratorio de Química Biolóxica.

Durante a súa carreira, Olalla Vázquez recibiu numerosos galardóns como o premio Lilly (2009), o European Young Chemist (2012), o Fulbright-Cottrell (2016), o SPP1926 Young Research Award (2017), MarBiNa Research (2018), o premio á Mellor Investigadora Europea Nova en Química Biolóxica (2020), ou o Premio á Investigadora Nova Líder de Grupo da Real Sociedad Española de Química (2020).

As Semanas da Ciencia, un evento anual nacido en Francia e instaurado en España en 2001, constitúen o maior evento anual de divulgación da ciencia en Europa. Celébranse no mes de novembro cos obxectivos de achegar a ciencia ao público de todas as idades, estimular o gusto polo saber científico e incentivar a participación dos cidadáns en cuestións científicas.

 

 

 

 

 

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba