
- por GaZeta
A obra gañadora do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, “Velloucas e minchas” de Lorena Conde Martínez, que fora presentada ao certame baixo o lema “Timbané” chega as librarías da man da editorial Cuarto de Inverno.
O premio, convocado polo Concello de Pontevedra, que realiza unha achega de 4.000€ para o autor/a e implica o compromiso de Cuarto de Inverno a editar e publicar a obra gañadora, recibira nesta edición máis de 40 orixinais entre os que o xurado seleccionou a citada obra.
Composto pola libreira Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, representando á familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo por Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde como secretario, considerou como gañadora a peza de Lorena por maioría dos votos apuntando a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade.
Tamén destaron o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusión ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quixo no seu momento deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.
A presentación do libro, que chega hoxe ás librarías, terá lugar este domingo 29 no Espazo Libro do Culturgal, ubicado no Teatro Principal, ás 18:05h. dentro do bloque Libros e Lugares. Os convites para poder asistir a todas as presentacións están dispoñibles no web www.culturgal.com
Lorena Conde
Sobre a autora, pontevedresa de Pontesampaio, Lorena Conde é licenciada en Filoloxía Hispánica e posgraduada en Arte Dramática pola USC. Comezou no teatro universitario, primeiro como actriz e máis tarde como directora. Dende 1999 traballa como actriz en varias compañías galegas. A partir do ano ano 2000 comezou a traballar como directoras de compañías teatrais e en 2013 foi cofundadora de Matrioshka Teatro -coa que gañou varios premios María Casares e homenaxeou á propia María Victoría coa obra “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”
Na súa faceta de poeta, gañara coa obra Entullo a XVIII edición do premio Miguel González Garcés (2016). O perfil da boca (poesía) e Santa Inés (teatro), son outras das súas obras publicadas ata Velloucas e minchas.
Neste 2020 ademais do III Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno, resultou gañadora do XXXVI premio Cidade de Ourense de poesía por As puntas da louza. Cancioneiro popular de labor e o Premio do I Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo con Ave do Paraíso.