Xincana de Mobilidade. Pontevedra

Xincana de Mobilidade. Pontevedra

‣ A I Xincana da Mobilidade, que terá lugar o sábado 28 pola tarde, contempla tres circuítos pola cidade e poderase participar camiñando, en bicicleta, monopatín, patín, patinete ou vmp

‣ A inscrición, que pode realizarse individualmente ou en grupos de convivencia, poderá facerse anticipadamente en 4 tendas de bicicletas da cidade

O concelleiro de Obras e Transportes, Demetrio Gómez, presentou esta mañá a I Xincana da Mobilidade que terá lugar o sábado 28 de novembro polas rúas de Pontevedra entre ás 16h e as 20h. “Queremos que sexa o colofón deste mes no que estamos dando a coñecer a Ordenanza de Mobilidade Amábel” asegurou o concelleiro ao tempo que explicou que “para participar non hai máis normas nin obxectivos que respectar a Ordenanza nos percorridos”.

A xincana está dividida en tres circuítos e as persoas participantes deberán demostrar que saben utilizar as distintas vías da cidade segundo a modalidade que utilicen para desprazarse: en bicicleta, en patín, en monopatín, en patinete, en vmp, ou camiñando. Para participar ofrécese a opción de escoller un, dous ou os tres percorridos e en todos os casos as persoas participantes optarán a premios e sorpresas que se entregarán ao remate de cada itinerairo. “O obxectivo é que nos sintamos como auténticos e auténticas campionas participando e chegando ao final do percorrido que cada quen escolla” explicou Demetrio Gómez.

Ningún dos tres circuítos supera os 3 km de percorrido co obxectivo de facelos asequibles e accesibles a todo tipo de persoas e para todas as idades e, atendendo ás normas sanitarias de prevención da Covid, as saídas realizaranse escalonadamente e será obrigatorio o uso de máscara e respectar ao distanciamento social. Neste sentido, Demetrio Gómez convidou “a todas as veciñas e a todos os veciños para que participen este día porque vai ser unha festa, respectando todas as normas Covid, e falta nos fai pasar unha tarde diferente e un pouco máis variada n esta última tempada”.

De cara a escalonar as saídas, que se realizarán entre as 16h e as 17h, recoméndase facer a inscricición previamente nunha das catro tendas de bicicletas que están actuando de oficinas de inscrición: ‘Bicicletas Farto’ na avenida de Vigo, ‘Bicicletas M. Otero’ na Virxe do Camiño, ‘Moto Bike ‘no Camiño Vello de Castela e ‘El Puerto’ na avenida de Uruguai. As inscricións poderán facese individualmente ou por grupos de convivencia. O propio día 28, tamén se admitirán inscricións no punto de saída.

Cada participante disporá dunha tarxeta que terá que ir selando ao longo do percorrido segundo vaia superando diversos puntos do itinerario, e coa que ao remate poderá recoller os seus premios e agasallos. Nos tres itinerarios, a Policía Local e Protección Civil ofrecerán asesoramento ás e aos participantes para que realicen os percorridos de acordo co establecido na Ordenanza.

Os tres circuítos deseñados correspóndense cos tres tipos de vías da cidade. O circuíto peonil, que sae do paseo de Odriozola e remata na praza da Peregrina, fai un percorrido por rúas do centro histórico de 1,95 km. O circuíto mixto, que comeza en Virxe do Camiño e remata en Montero Ríos, fai un percorrido por 2,63 km do ensanche por vías de cohexistencia; e o circuíto rodado conforma un percorrido circular por calzada de 2,93 km que comeza e remata na rúa do Gorgullón.

Por último, Demetrio Gómez quixo trasladar o agradecemento do Concello ás tendas de bicicletas que participan na actividade polo “esforzo para que isto poida desenvolverse ordenadamente”, e tamén á Policía Local e a Protección Civil e ao amplo equipo de persoas voluntarias, ligadas ao mundo da bicicleta, que se ocuparán de selar as tarxetas nos percorridos e atender os postos de saída e chegada.

¬DESCARGAR INTRUCCIÓNS

 

 

 

 

Fai clic para calificar esta publicación!
[Total: 0 Average: 0]
Comparte!
Voltar arriba