O 8º Concurso Fotográfico que organiza a área de Igualdade do concello do Carballiño, en colaboración coa Asociación Fotográfica O´Potiños e o Centro Comercial Aberto, leva nesta edición o lema “Unha mirada de xénero: Menores en igualdade”. Terá, como nas edicións anteriores, tres premios para as tres mellores fotografías, de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, en vales de compra para gastar nos comercios do Carballiño, e o prazo para a presentación dos traballos finalizará o 1 de marzo para a entrega en man, e o 3 de marzo para quen remita os traballos telemáticamente a través do correo cim@carballino.gal.
A iniciativa foi presentada pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Marina Ortega; o presidente da Asociación Fotográfica O´Potiños, Manuel Blanco, e a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares.
Marina Ortega xustificou a elección do lema desta convocatoria como un xeito de reivindicar o papel das novas xeracións na loita pola igualdade, erradicando os estereotipos masculino-feminino desde a primeira infancia, e tamén pola súa implicación nesta cuestión a raíz da súa participación nos actos do 8 de marzo do pasado ano. Así mesmo, a concelleira amosou a súa satisfacción pola política seguida en materia de igualdade, destacando a contribución do Centro de información da Muller (CIM), da comunidade educativa e forzas de seguridade, nun traballo conxunto durante todo o ano que valeu un premio do Estado polo labor realizado en contra da violencia de xénero. Finalmente, agradeceu a colaboración do CCA e de O´Potiños.
Noelia Mares compartiu o agradecemento por colaborar nesta iniciativa e loubou o esforzo que realiza o concello pola igualdade. Dixo que se trata dun evento moi significativo e convidou a participar no mesmo.
Manuel Blanco tamén amosou, en nome de O´Potiños, o orgullo por colaborar un ano máis nesta iniciativa, e destacou o feito de que as fotografías podan entregarse en man ou enviarse por correo electrónico, o que contribúe a unha maior participación ao tempo que aforra tempo e traballo. Recordou que as bases son idénticas as do pasado ano, e que as fotografías deberán ter un tamaño de 20x 30 cm, e que, ainda que os prazos son moi curtos, esperaba unha boa participación.
Os premios entregaranse o 8 de marzo, e as bases poderán consultarse na páxina web do concello.