A comunidade Evanxélica de Marín, a máis grande, galega, e unha das maiores de España

A Igrexa evanxélica de Marín é unha comunidade protestante, a congregación máis numerosa de Galicia e unha das máis numerosas de España en canto a asistentes aos oficios, sen dúbida, isto fai ao seu municipio moi peculiar, por agrupar, xunto con outras dúas congregacións evanxélicas, ao 10% da poboación total do municipio, o índice máis alto dos municipios de España.

O primeiro contacto das xentes de Marín co credo protestante tiña lugar en marzo de 1882, cando os misioneiros británicos Thomas Blamire e James Wigstone predicaban de forma pública nas rúas do pobo. O 8 de outubro dese mesmo ano realízanse os primeiros bautismos por inmersión na Illa de Tambo: Francisco Pais Pesqueira e Josefa Pazos Santos. A congregación creceu durante os seguintes meses, até alcanzar unha congregación estable dunhas 200 persoas.

Blamire foi o seu primeiro dirixente (denominado “pastor” polos membros da congregación), e á súa morte en 1894 sucedeulle no cargo Cecilio Hoyle, baixo cuxo servizo se construíu o centenario edificio de culto actual, inaugurado o 31 de decembro de 1899.

O edificio deseñouse atendendo as diversas necesidades da comunidade, necesidades tanto de organización e desenvolvemento da liturxia protestante como necesidades sociais e culturais, utilizando a planta baixa como lugar de culto, a primeira planta como escola para nenos e o segundo piso como vivenda do pastor. A escola desenvolveu un gran labor de alfabetización en Marín sen distinción de credos.

En 1906, Enrique Turrall substitúe no pastorado a Cecilio Hoyle. O matrimonio Turrall deixou pegada en varias xeracións de marinenses polo seu afecto, valor, dotes de evanxelista, predicador e compositor de himnos.

A Segunda República Española significou o primeiro período de liberdade relixiosa. Á morte de Enrique Turrall en 1952, sucédelle no cargo Isaac Campelo, o primeiro marinense en ser pastor en toda a historia da congregación, até a súa morte en 1983. Campelo fora colportor durante moitos anos por toda España. Baixo o seu servizo, en 1975 reformouse o edificio da igrexa co fin de ampliar o seu aforamento.

Desde 1978 e amparada baixo a nova situación política de España, a igrexa desenvolve unha permanente actividade socio-cultural, cívica e de integración na sociedade da rexión, labor que foi recoñecida por entidades públicas e privadas, tanto do municipio como da provincia, con motivo do cal recibiu numerosos premios, recentemente o “Marinense do ano 2007”, o premio Liberación 2007 ou a dedicación dunha rúa da vila de Marín a un dos pastores da igrexa, Enrique Turrall.

Comparte!!!

Relacionados