A Feira do Viño de Ribeiro ábrese aos distribuidores e ao enoturismo: O RibeiroBus

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 56ª edición, terá lugar os vindeiros días 3, 4 e 5 de maio de 2019, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense), da a coñecer dúas actividades novidosas para a presente edición.

Por un lado, despois de varias reunións coas adegas e colleiteiros participantes, (lémbrase que este ano participarán un total de 38 adegas) e de observar que ano tras ano medraba o interese e a presenza de distribuidores ao longo dos días do evento decidiuse facilitar o procedemento de contacto entre os profesionais e as adegas participantes mediante un sistema de rexistro, co cal se intercambiarán os datos e a información precisa para poder chegar a acordos comerciais de interese para ambas partes.

Deste xeito, no enderezo https://feiravinoribeiro.com/distribuidores/ poderán inscribirse os profesionais que así o desexen para contactar coas adegas. Tras rexistrarse, recibirán un documento coa información de contacto das adegas participantes para poder fixar encontros e reunións durante os días da FVR, así como tamén tras identificarse, obterán unha copa e unha pulseira identificativa na caseta de venda de copas para poder degustar os viños durante estes encontros coas adegas.

Doutra volta, tamén se presenta outra acción que pretende achegar a cultura do viño, sobre todo a do Ribeiro e a de Galicia, aos visitantes que veñan a Ribadavia durante a FVR.

Os interesados poderán viaxar no RibeiroBUS, un autobús turístico do ano 1954, no que percorrerán dous roteiros diferentes. No roteiro A farán un percorrido pola marxe esquerda do Avia, o val do desexo, o espazo no que Galicia aprendeu a amar o viño, visitando Ribadavia, A Quinza, Sto. André de Camporrendo, Esposende, Lentille, San Lourenzo da Pena, Cuñas e finalizará de novo en Ribadavia. Nesta viaxe gozarase da visita ao Museo do Viño de Galicia.

Mentres tanto, o roteiro B segue o curso do Miño polos antigos dominios do Rei Afonso VIII no Tumbo das viñas de Ribadavia, a rede de lagares dos monxes de Melón e dos históricos viños de Milmanda no val do Arnoia, ofrecendo o seguinte percorrido tras saír de Ribadavia, visitando Francelos, Miranzo, Filgueira, Meréns, A Arnoia, A Reza e finalizando en Ribadavia.

As viaxes terán unha duración aproximada dunha hora e cuarto durante o sábado e o domingo.

AUTOBÚS TURÍSTICO “RibeiroBUS”

Días: sábado 4 e domingo 5 de maio.

Lugar de saída: Fronte ao Castelo e ao recinto.

Horarios de saída:

11:00 h – Roteiro B

12:30 h – Roteiro A (Inclúe entrada ao Museo do Viño de Galicia)

17:30 h – Roteiro B

19:00 h – Roteiro A (Inclúe entrada ao Museo do Viño de Galicia)

Prezo: 5 €

Compra de entradas: Oficina de Turismo de Ribadavia (988471275) turismo@ribadavia.es ou na caseta de venda de tickets.

 

Comparte!!!

Relacionados