A noite de San Xoán… A noite máis máxica

A noite de san Xoán é unha das festas antropolóxicamente máis importantes en Galicia, a noite do Lume Novo.

Así por exemplo, celébrase na Coruña coas tradicionais fogueiras na praia do Orzán e na de Riazor, sendo esta a festa do san Xoán máis multitudinaria de Galicia e unha das máis multitudinarias de toda España.

A noite de san Xoán na Coruña foi declarada festa de interese turístico internacional de España. Porén en todo o territorio é de tradición acender cacharelas e facer xantares populares onde as sardiñas, os cachelos con pela e a broa de millo son as protagonistas.

Moitos ritos de carácter máxico ou supersticioso asócianse a esta tradición: saltar as fogueiras, pór un ramo de herbas de san Xoán nas portas da casa coa finalidade de protexerse das meigas, lavarse ao amencer en mananciais ou con auga de rosas etc.

O ritual co que máis se identifica a noite de san Xoán son as fogueiras que se prenden na tarde-noite do día 23, tamén chamadas cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas . Durante os días previos, os mozos e veciños van amoreando diverso material nalgún lugar aberto e de paso público (prazas, encrucilladas ou, actualmente, praias) ata que, no comezo da noite, préndese lume entre a expectación de tódolos veciños. Nas horas seguintes, comen sardiñas á brasa e beben viño, cantando e bailando ó redor da fogueira e, cando esta está practicamente consumida, terminan saltando sobre as últimas lapas mentres se exclama:

Salto por riba

do lume de san Xoán,

para que non me morda

cadela nin can

nin bicho vivinte

que ande polo chan.

Outras fórmulas empregadas nestes casos son:

Salto por riba/ do lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can.

Sálvote lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin cantos males han.

 

 

Ás veces recoméndase, para obte-lo máximo efecto, espirse para saltar sobre a fogueira. O número de saltos que se deben dar é variable segundo os costumes locais: adoita facerse como mínimo tres veces pero, en calquera caso, sempre un número impar de saltos. Resulta habitual nestes rituais máxicos recorrer ós números 3, que representa a Trindade; 7, que representa a totalidade; ou 9, número da perfección (tres veces tres).

En Olveira (A Coruña)  adoitábase colocar unha cabeza dalgún animal espetada nun pau de loureiro e amorea-la leña ó seu redor. A cacharela non se debía apagar ata que esta cabeza acabe convertida en borralla.

Hai zonas onde existe o costume de celebrar certos ritos de paso sobre as lapas ou sobre o fume para curar certas enfermidades. Poden facerse entre dúas mulleres chamadas María ou entre unha muller con este nome e un home chamado Xoán, que se pasan mutuamente o meniño enfermo mentres din:

 

Enfermo cho entrego

devólvemo san.

Ó rematar, sempre cun número impar de pases, envolven ó rapaz nunha saba de liño nova, que nunca fose lavada.

Tamén existía o costume de afuma-lo gando na noite de san Xoán, para protexelo do meigallo. Para conseguilo fan anda-lo gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume. Noutras ocasións o que se fai é queimar na corte un corno de carneiro, loureiro bendito e xofre. As lumeiradas de san Xoán tamén servían como rito de protección para as colleitas de centeo ou millo. Así, recitaban:

Ve-lo lume, ve-lo pan,/ cada espiga seu toledán, ou Ve-lo lume, ve-lo pan,/ Dios che dea bo gran/ polo mes de san Xoán/ espigas como rebolas/ e grauciños como olas

De feito hai lugares, como Castrofeito (O Pino) ou Pedrouzo (Silleda), onde non se denominan fogueiras senón fumazos. Alí queiman sobre de todo leña verde que levanta un intenso fume co que se pretende espanta-las meigas e os seus meigallos.

O sol no día de san Xoán

Trátase do solsticio de verán, momento do ano no que se atribúe ó sol a máxima claridade. Resulta común a crenza de que o sol baila ó mencer, disque de ledicia pola festa do santo. Así, adóitase subir a un monte para velo bailar, por exemplo, ó alto do castro de Castrolandín, nalgures a través dos buratos dun cribo.

Madrugada de san Xoán,
madrugada máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre o día
San Xoán pediulle a Cristo
pra que non o adormentase,
quere ver baila-lo sol
o día da súa romaxe.

Xa o padre Feijoo recolleu esta tradición de ir ver bailar o sol e o feito de que noutros lugares —que non especifica— isto se fai na Pascua cristiá. Tamén en Italia existe o mesmo costume: en Abruzos crese que no sol nacente se pode ver a cabeza de san Xoán; e en Sardeña, que no mencer o sol baila tres veces, tantas como botou no chan a cabeza do santo ó ser decapitado.

A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista

Fonte: wikipedia

Comparte!!!

Relacionados