O Concello explicou aos veciños a proposta que ademais da instalación da rede separativa de pluviais e fecais, farase plataforma única, tráfico calmado e renovación da iluminación.
O Concello de Pontevedra continúa adiante coa posta en marcha dos proxectos de saneamento en todo o territorio, incluídos dentro das melloras do contrato municipal de abastecemento e saneamento asinado coa empresa Viaqua a finais do pasado ano; unhas melloras valoradas en 58 millóns, das cales máis de 25 están destinadas a saneamento.
Polo de agora téñense celebrado asembleas en tres parroquias do rural onde se completará toda a rede de saneamento: Verducido, Campañó e Santa María de Xeve; e a pasada semana tocoulle á zona urbana. Foi na rúa Porta Grande, paralela á Conde Bugallal, onde está previsto facer o separativo da rede de augas fecais e pluviais.
Ademais do investimento na rede de sumidoiros que terá que facer a empresa concesionaria, o Concello asumirá a reurbanización de toda a rúa que une Conde Bugallal coa rúa Montes.
Os traballos de reforma consistirán en deixar unha plataforma única con tráfico calmado e mellorar toda a iluminación. Uns traballos que asumirá directamente o Concello.
A asemblea celebrouse a pasada semana no Centro Leste. Asistiron todos os veciños da rúa que foron informados polos concelleiros responsables do Ciclo da Auga, Raimundo González e o concelleiro delegado da área Urbana e responsable de Obras, Demetrio Gómez. A intervención proposta foi ben recibida.