Unha delegación de Barcelos (Portugal), coa vicepresidenta da Cámara municipal, Armandina Soleiro, ao fronte achegouse a Pontevedra para dar a coñecer e convidar aos pontevedreses e pontevedresas á “Festa das Cruzes”, a primeira gran romaría do Minho que terá lugar do 25 de abril ao 3 de maio nesta localidade portuguesa. O evento, que ten a súa orixe no século XVI, mistura hoxe en día cultura, folclore, gastronomía e relixiosidade.
Grupos folclóricos fixeron un percorrido polas rúas da cidade amosando “un anaquiño de Barcelos” ao seu paso. Ao tempo ían repartindo información sobre a festa. O percorrido comezou na praza que leva o nome da cidade de Barcelos e rematou na Casa da Luz, onde toda a delegación foi recibida polo alcalde MIguel Fernández Lores e a concelleira de Cultura, Carme Fouces.
Lores lembrou a boa relación que hai entre as dúas cidades, irmás dende o ano 1973 e apostou por “ver de incrementar os intercambios culturais e as actividades” entre Barcelos e Pontevedra. Comprometeuse diante de Armandina Soleiro a ir a Festas das Cruzes o vindeiro ano, se segue de alcalde. Este ano non é posíbel pois, ademais de estar en período electoral, as datas do evento coinciden coa celebración do Mundial de Tríatlon, un evento deportivo que porá o foco do mundo sobre Pontevedra.
Armandina Soleiro agradeceu o agarimo do alcalde e de Pontevedra e amosou o seu convencemento de que futuros intercambios musicais e culturais profundarán na estreita relación que xa hai entre as dúas cidades.
+INFO. https://www.cm-barcelos.pt/visitar/festas-feiras-e-romarias/festa-das-cruzes/