A ‘Virxe do Hospital’

Fonte: Arquivo persoal 

Unha das maiores devocións da Semana Santa de Pontevedra  é a Virxe da Misericordia. A historia desta talla fala de movemento, traslados e certa inestabilidade, unida a importantes capítulos históricos sucedidos na cidade.

A feitura desta imaxe encádrase a finais do século XVIII. Seguindo a Antonio Días Lema, autor da historia do Hospital de Pontevedra e quen seguiu o rastro a esta virxe, o matrimonio composto por Pedro e María de Aldao trouxérona de terras italianas e doárona á Congregación da Purísima Concepción e Misericordia, con sede no convento de San Francisco, polo que este templo sería o primeiro en acoller á nova imaxe.

A partir de aquí foron varios os lugares aos que a Misericordia se iría «mudando». Despois de San Francisco, a Igrexa do antigo Hospital de San Xoán de Deus sería o novo fogar da Virxe, nun altar lateral e protexida por un cristal. A devoción á imaxe xa estaba consolidada nos corazóns dos pontevedreses, pero ante a demolición da Igrexa e do Hospital en 1896 un novo traslado foi necesario para esta talla. Adóitase dicir que en Pontevedra posuímos tres recordos deste Hospital de  Xoán de Deus: o reloxo da Peregrina (agora no Museo Provincial); a Capela das Ánimas, erixida en 1898 en recordo da antiga e por presión popular, e a Virxe da Misericordia. Sen embargo, no Museo de Pontevedra atopamos varias pezas, algunhas expostas, procedentes deste Hospital. Tamén no antigo Asilo das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados dise que existe unha basta imaxe en pedra de San Xoán de Deus.

Volvendo a nosa protagonista, o seguinte templo onde chegou a Misericordia foi o de San Bartolomeu por mandato do Concello, a quen pertencía a talla. En 1899 esta efixie recibiu un diñeiro aprobado pola Comisión de Beneficencia. Xa coa inauguración do novo Hospital Provincial e da súa capela en 1901 a imaxe trasládase alí. Xorde entón o costume de denominala a «Virxe do Hospital» debido  a súa relación con este tipo de edificios na cidade. Unha imaxe característica da Semana Santa da Pontevedra da época era o traslado da Virxe cara o Hospital despois de participar na procesión do Santo Enterro.

Foto: Cofradía de Vera Cruz y Misericordia / https://www.facebook.com/veracruzpontevedra/?tn-str=k*F

Pero unha vez máis, e ante demolición da capela en 1970, a Misericordia tivo que volver a San Bartolomeu, sen estar exposta ao culto. Así pasaron varios anos ata que pasado o 2011 regresou ao Convento de Santa Clara para formar parte, vestida de hebrea, dun Calvario xunto ao Cristo da Expiración e o San Xoán, ambas tallas tamén participantes da Semana Santa pontevedresa. Esta foi a última localización da «Virxe do Hospital» a cal ante o recente peche do convento das clarisas de novo viuse no «desterro». San Bartolomeu volveu a acollela, sen estar exposta ao publico.

A Virxe da Misericordia sae en procesión por Pontevedra cada Venres Santo acompañada pola Confraría da Vera Cruz e Misericordia, decana das corporacións penitenciais da cidade, e baixo  palio de oito varais realizado en 1950. O fermoso manto de veludo negro e bordados dourados foi deseño, xunto ao palio, de Jose Luis Pintos Fonseca. Pese a que Días Lema sinala que foron monxas beneditinas as que recuperaron un antigo manto e bordárono de novo, o investigador Jose Luis Ageitos sinala que foron as monxas trinitarias de Noia as responsables en 1958 desta tarefa. A imaxe con  rostro desconsolado porta coroa, un pano nas mans e no seu peito mostra un corazón de prata traspasado por sete puñais. En 2005 foi restaurada pola empresa Alquimia que fixo labores de desinsectación e descubriu unha capa de verniz máis tres repintes diferentes.

Esta é a historia grosso modo dunha das imaxes máis queridas de Pontevedra a cal cantou o P. Amoedo Carballo na súa obra no exilio. A mesma que tantas veces viuse na necesidade de cambiar de fogar e á que envolven algunhas anécdotas, o que adoita ser costume nas tallas que xeran gran devoción. Cada Venres Santo Pontevedra agarda volver a ver polas rúas á súa «Virxe do Hospital»

 

Comparte!!!

Relacionados