Haberá unha programación especial co motivo da celebración do 50 aniversario.
O xoves día 2 de maio empezarán os actos na libraría Escolma ás 20.15 horas coa proxección do documental Vigo 1972, que estará presentado polo seu produtor Emilio J. Fernández. A entrada será libre ata completar aforo.
Ao día seguinte, 3 de maio, haberá as sesións habituais en venres no Auditorio municipal Manuel María, ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 en VOS. Neste caso unha das mellores películas do ano, Cafarnaum, da directora Nadine Labaki. Nominada á mellor película de fala non inglesa nos Oscar e nos Globos de Ouro, Premio do Xurado no Festival de Cannes, nominada nos premios BAFTA e nos premios César franceses…
As actividades continuarán ao día seguinte, sábado día 4. Celebrarase no Apartahotel Arenteiro a asemblea da Federación de Cine Clubs de Galicia (FECIGA), na que está integrado o Cineclube Carballiño dende a súa fundación. No mesmo lugar, ás 13:30 horas, farase unha pequena homenaxe aos fundadores do cine club alá polo ano 1969, ao que asistirán representantes de todos os cine clubs de Galicia e membros das diferentes directivas que foi tendo a entidade nestes 50 anos de existencia.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, pecharanse estes actos coa proxección do Auditorio Manuel María da película en formato para TV do cineasta José Manuel Mouriño, El método de los claros. Será unha estrea que contará coa presenza do director para a súa presentación. A entrada será libre.