Aprobadas as bases para axudas escolares no curso 2019/20. Ourense

A xunta de goberno local celebrada esta mañá no Concello de Ourense abordou 12 asuntos achegados por diferentes concellerías e servizos municipais. Entre eles, aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de axudas, en especie, para a adquisición de libros de texto e de material escolar, así como para comedores escolares, durante o curso 2019-2020. Este programa da Concellería de Asuntos Sociais contará cun orzamento de 243.348 euros.

O gasto para libros de texto e material escolar, será de ata un importe máximo de 20.000 €. Para as axudas a comedores escolares, será de ata un importe máximo de 67.005 euros para o ano 2019; e de 156.343,47 euros para o ano 2020. “Poderán beneficiarse deste programa as familias con menor poder adquisitivo residentes no Concello de Ourense que cumpran unha serie de requisitos. Entre eles, estar empadroados no Concello de Ourense, con tres meses mínimo de antigüidade e non superar os 3.500 euros de renda per capita anual”, explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web do Concello www.ourense.gal.

Comparte!!!

Relacionados