Aprobado o proxecto de urbanización do polígono do Vao . Pontevedra

A Comisión de Urbanismo tomou coñecemento hoxe da aprobación inicial por parte da Xunta de Goberno do luns do proxecto de urbanización do polígono comercial de O Vao, e tamén da aprobación definitiva do proxecto de equidistribución. O primeiro configura o espazo con viais, beirarrúas, prazas de estacionamento, espazos verdes… E o segundo é o que parcela o terreo que ten unha superficie total de 29.780 m2.

Unha vez aprobado pola Xunta de Goberno, o Concello ten que someter o proxecto de urbanización a exposición pública por un prazo dun mes e solicitar, ao tempo, informes sectoriais de estradas (do Estado e da Xunta), Costas, Patrimonio, augas e de servidumes aéreas.

O polígono xa ten autorización comercial, polo que unha vez que remate a exposición pública e dispoña dos informes xa se pode outorgar a licenza. O promotor, de feito, podería simultanear a urbanización da parcela coa construción civil (os edificios).

No tocante ao proxecto de equidistribución, xa ten a aprobación definitiva logo de resolverse desfavorablemente unha alegación presentada por un particular.

As cifras do polígono

O proceso de modificación do polígono do Vao leva varios anos de tramitación. Este polígono estaría dividido en dous: un de 24.138 metros cadrados e outro de 5.642 metros cadrados, de uso mixto comercial.

O desenvolvemento deste polígono está contemplado no Plan Xeral de Pontevedra dende o ano 1989, pero nestas décadas foi atravesado pola autoestrada e pola estrada de Vilagarcía. Esta situación de distintos lindeiros, obrigou a unha tramitación tan complicada que con este último informe vai chegando ao seu fin.

No novo polígono fíxanse as seguintes reservas:

  • Superficie edificable de uso comercial dividida en dúas parcelas: 17.731,77 metros2 con edificabilidade de 15.586,97 metros2; e unha parcela de 1.266,97 metros2 con edificabilidade de 964,81 metros2.
  • Superficie destinada a espazos libres e zonas verdes: 4.406,02 metros2.
  • Viario e estacionamentos (462 prazas): 6.850,21 metros2.
  • Parcela para equipamento: 688,30 metros2.
  • Parcela de cesión municipal: 1.758 metros2.
  • Cesión de parcela a Ministerio de Fomento para autoestrada é de 3.915,06 metros2.
Comparte!!!

Relacionados