Aquela «Nao» Que Saía Polo Corpus…

Grabado de Osterberger representando a visita dos Duques

Durante moito tempo Pontevedra foi unha cidade de Corpus, xa que esta celebración relixiosa era  unha das máis características e de maior relevancia na cidade. Frei Martín Sarmiento deixou escrito que a súa primeira lembranza foi a dos xigantes que saían nesta procesión; o Pai Amoedo no seu «Carmem Patrium sive Pontevedra» rememora, nostálxico dende o exilio, o festexo na cidade do Lérez. Co tempo, esta celebración foi obxecto de comentario e estudo por escritores e investigadores tales coma Xoán Manuel Pintos, Casto Sampedro, Casal y Lois, Filgueira Valverde, Sanchez Cantón, Javier Pintos, etc. A revista Nodales, unha das publicacións vivas senlleiras da cidade, continua a editarse cada  dous anos auspiciada polo Gremio de Mareantes. Nela, son moitos os traballos adicados ao Corpus pontevedrés.

Sen embargo, nestes tempos algunhas tradicións redescóbrense para sobrevivir e outras simplemente van esmorecendo. Dende cativo levo oíndo iso de que o Corpus de Pontevedra vai a menos, que se atopa en decadencia, que non é o que era… Puiden comprobar como, co paso dos anos, a cousa era certa e que cada vez o Corpus ía perdendo elementos, afluencia, senso… «Culpa» de toda unha cidade que non vela polo seu patrimonio e as súas tradicións que van máis aló da relixiosidade, xa que son unha mostra e un testemuño do propio ser e actuar dunha poboación.

Nas antigas celebracións do Corpus en Pontevedra, cuxo orixe pode situarse  no século XV, abría a comitiva a monstruosa Coca e tras ela ía unha «nao» movida por rodas que durante o ano gardaba desmantelada nunha bodega o Gremio de Mareantes. Para algúns estudosos o barco simbolizaba a toma de Sevilla por Paio Gómez Chariño, para outros trataríase dunha alegoría da Igrexa Católica. Tamén se ten observado que puido ser a perduración dun «carrus navalis» clásico, precedente das carrozas do Entroido.

A maqueta da nao Santa María «La Gallega» no Corpus (Imaxes: www.farodevigo.eswww.lavozdegalicia.es).

A maqueta da nao Santa María «La Gallega» no Corpus(Imaxes: www.farodevigo.es, www.lavozdegalicia.es).

Na véspera da procesión, tras ser engalanada nos días anteriores, a embarcación facía un percorrido semellante ao do día de Corpus. A nave, tirada por un céntulo, levaba piloto e tripulantes –todos da Moureira– os cales lanzaban salvas dende pequenos morteiros e recitaban as retranqueiras «vayas» durante o percorrido. Estes romances satíricos repetiríanse no propio día da procesión cara os gremios concorrentes á mesma. Supoñía isto unha nota de humor e orixinalidade. As burlas non se detiñan nos gremios senón que tamén ían dirixidas ao propio barco e aos seus tripulantes ou as »damas que alí se atopasen. O Gremio de Mareantes  fíxose cargo da «nao» ata 1783. O Concello a recuperaría a mediados do XIX e a utilizaría, ademais do Corpus, noutras festas coma a da Peregrina ou na recepción da visita a Pontevedra dos Duques de Montpensier en 1852, ao parecer a derradeira data en que se viu polas rúas –tirada por bois– a esta nave.

En 1949 sairía na procesión unha maqueta da «nao» Santa María conservada no Museo Provincial. Funcionaría agora como exvoto ao mesmo tempo que de lembranza da antiga barcaza. Portárona mariñeiros da Escola Naval ata 2009; o último ano que saíu foi en 2011 levada por voluntarios, tamén chegou a saír aos ombreiros de membros de Protección Civil. A pequena reprodución de «La Gallega» ía diante dos santos gremiais e formaba unha das imaxes máis características da celebración do Corpus recente na cidade.

Foto: O Sacramento na Ferrería Imaxes: www.farodevigo.es

Pero xunto a «nao», o paso do tempo foi suprimindo varios aspectos que conformaban o Corpus pontevedrés: os xigantes, os choqueiros ou céntulos, as danzas gremiais, as penlas, os autos sacramentais, a coca ou tarasca… Noutras rexións próximas como Redondela perduran algúns destes interesantes elementos, e o seu Corpus actúa de referente cultural e turístico, alén do relixioso. Das 16 imaxes gremiais de santos, santas e representacións alegóricas que saían en orixe por Pontevedra concorren na actualidade menos da metade. As fermosas alfombras florais perden metros, os altares efémeros nas prazas apenas se levantan.

A Procesión do Corpus agardando para saír en 2013 (Imaxe: Mateo Fontán Couto)

Depende de nós o querer conservar unha tradición tan arraigada na cidade durante tanto tempo e tamén outras ligadas como a procesión do Chucurruchú. institucións políticas, Igrexa, confrarías, agrupacións relixiosas e culturais farían ben en tratar de darlle pulo á cidade cando chega o día de Corpus;  tradición e novas iniciativas poden converxer nun festexo que de sempre estibo marcado no calendario dos pontevedreses. Que non chegue ese día no que a semellanza do pequeno Ramonete, personaxe dun dos belidos contos de Gabriel Miró, preguntemos: «¿Qué será Corpus?».

Portada da revista Nodales do Corpus de 1971 (Imaxe: http://www.depontevedra.es/?1,611,2,231)

 

Para saber máis:

– FILGUEIRA VALVERDE, J.: «El Corpus viejo en Pontevedra», El Museo de Pontevedra, Nº XXIX, 1975, pp. 260-391.

– LÓPEZ DE SOTO, X.: O Corpus en Pontevedra, Casal de Edicións, Pontevedra, 1995.

– Revista NODALES, pode consultarse o sumario dos diferentes números dende o primeiro ao máis recente en  http://www.depontevedra.es/?1,611,2,231

http://donfiliberto.blogspot.com.es/2012/02/una-nave-recorre-las-calles.html

Comparte!!!

Relacionados