Balance da Oficina de Turismo de Bueu durante a Semana Santa

A Oficina de Turismo de Bueu recibiu un total de 300 visitantes entre o 13 e o 21 de abril, datas nas que este espazo estivo aberto ao público. As estatísticas entregadas pola empresa prestadora do servizo ao Concello demostran que o día con máis visitas foi o xoves 18, cando 62 persoas pasaron pola Sala Amalia Domínguez Búa, seguido do sábado con 54 e o venres con 48.

O turismo da Semana Santa na vila bueuesa estivo marcado pola presenza de visitantes de ámbito nacional, cunha ampla maioría dos provenientes das distintas provincias e localidades galegas, ademais doutros de Madrid, Barcelona, Guadalaxara, Cidade Real, Burgos, Bilbao, Valladolid ou Granada.  

En canto ás formas de aloxamento, as estatísticas mostran que a gran maioría dos visitantes se decantaron polo hotel. Tamén foron salientables as modalidades da casa particular, o apartamento, a casa rural ou a vivenda familiar.

Á Aula da Natureza de Cabo Udra achegáronse 296 persoas, das cales 44 gozaron das rutas interpretativas pola contorna e 34 nenos e nenas participaron nos talleres infantís relacionados co medio ambiente e a natureza. Deles, o día de maior afluencia resultou o 19 de abril, e a maioría de visitantes foron galegos e da contorna do Morrazo, aínda que tamén se achegaron desde Madrid, Asturias, Comunidade Valenciana, Castela e León ou País Vasco.

Como xa vén sendo habitual, o Concello organizou durante a semana diversas actividades destinadas tanto á poboación local como aos turistas. Tal foi o caso dos obradoiros medioambientais e das as rutas de sendeirismo na Aula da Natureza de Cabo Udra, ademais das “Xornadas Bueu Gozosos Anos 30” e da festa temática que encheu a Praza Massó de actividades para todos os públicos.

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra vén de outorgar ao Concello de Bueu unha subvención para o financiamento dos custos de dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo ‘Info Rías Baixas’, cuxo importe ascende a 5.220,96 €, e que supón o 75% do custe total. Esta axuda destinarase á cobertura da oficina de turismo durante a tempada estival.

Comparte!!!

Relacionados