Bueu aproba unha moción para esixir ao sergas a cobertura da segunda praza de pediatra

Os grupos municipais da corporación de Bueu (BNG, PP, PSOE e ACB-SON), aprobaron no pleno deste luns, 4 de marzo, unha moción conxunta para esixir ao SERGAS a  cobertura, de forma inmediata e definitiva, da segunda praza de pediatría do Centro de Saúde de Bueu. A proposta, consensuada nunha xunta de voceiros anterior, pon de manifesto os antecedentes e o menoscabo da saúde da cidadanía bueuesa, dada a redución de servizos e a diminución da igualdade de oportunidades.

Esta situación complexa xérase a partir do mes de novembro de 2018, cando se traslada á segunda especialista pediátrica a outro ambulatorio, deixando pois o de Bueu cunha soa que ten que facer fronte ao dobre de traballo (atención de máis de 50 pacientes diarios).  Ante esta situación, e a efectos de informarse sobre o acontecido, o alcalde e a concelleira de sanidade de Bueu reuníronse o 15 de novembro de 2018 co Xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Pontevedra – Salnés, D, José Ramón Gómez Fernández. Nesta xuntanza, o xerente trasládalle ao goberno que esta vacante formaría parte do próximo concurso de traslados e que podería convocarse antes do remate do ano, algo que non se cumpriu.

Así mesmo desde a sociedade local convócase unha marcha o 16 de decembro para manifestarse por esta problemática e polas longas listas de agarda para a atención pediátrica, na que se estima a participación de máis de 400 persoas. Continuando coas protestas, o 15 de xaneiro, Daniel Durán Chapela presenta no Rexistro do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra un escrito con 2.332 sinaturas para “protestar pola carencia dun 2º pediatra no Centro de Saúde de Bueu, por mor da perda da calidade sanitaria do servizo de pediatría”.

Hai unhas semanas, mediante conversa telefónica, o xerente comunícalle ao alcalde as dificultades que desde o SERGAS se están atopando para cubrir esta praza., manifestando ademais que esa segunda praza non se ía amortizar.

Dado todo o anterior, os grupos municipais da corporación, BNG, PP, PSOE e ACB-SON, consideran a situación actual como inadmisible, esixindo ao goberno  da Xunta de Galicia unha solución inmediata e definitiva.

Por outra banda, o pleno sacou adiante outra moción conxunta dos catro grupos relativa ao apoio á folga feminista do 8 de marzo. Na mesma tamén se comprometen a adoptar  as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á reivindicación, así como a colocación da bandeira feminista.

Comparte!!!

Relacionados