Cando os turcos arrasaron Cangas

No 1617, tiveron lugar os feitos máis dramáticos que coñeceu Cangas ó longo da súa dilatada Historia.

Un 4 de decembro, os habitantes da ría de Vigo vían espantados como once navíos corsarios turco-berberiscos fondeaban nas illas Cíes. Os seus propósitos non podían ser máis sanguinolentos: causa-la maior desfeita posible nas posesións da Coroa Española, e practica-la rapiña e a pillaxe.

A primeiras horas da mañá, tras un intenso bombardeo, uns 1.000 homes desembarcaron en Rodeira e na Punta de Balea, ante as aterrorizadas xentes do lugar.

Aínda trataron novamente os piratas de apoderarse de Vigo, infructuosamente, antes de dirixir as súas proas contra Cangas, que daquela era unha humilde vila de pescadores, totalmente desprotexida. A escasísima milicia non dispuña de recinto fortificado algún no que resistir, nin tampouco de artillería.

A primeiras horas da mañá, tras un intenso bombardeo, uns 1.000 homes desembarcaron en Rodeira e na Punta de Balea, ante as aterrorizadas xentes do lugar. Ás minguadas tropas uníronse numerosos veciños mal armados, protagonizando unha loita desesperada, en abrumadora inferioridade numérica. O maior heroísmo daqueles homes e mulleres estivo en que foi o sentido da honra o que lles impedíu abandona-los seus fogares ante o invasor, pois en tales condicións era impensable a victoria.

Ás poucas horas, os que conseguiron fuxir ós montes cercanos puideron contemplar un espectáculo arrepiante: a vila ardía polos catro costados, incluída a Colexiata e o Hospital, e ducias de cadáveres sementaban as rúas. Aínda se dedicaron os turcos a saquea-los arredores durante tres días (nos que queimaron tamén a igrexa de Darbo) antes de desaparecer co seu rastro de morte. Con eles levaron un farturento botín, pero tamén a deceas de persoas cara o cativerio de Arxel.

O pobo de Cangas tardou moito tempo en recuperarse daquel desastre. A súa poboación quedou dezmada; a súa economía, estragada. Un novo azoute, a fame, cebouse cos máis desfavorecidos, o que se vería agravado polas malas colleitas durante os anos vindeiros.
Aqueles terribles sucesos deixaron na memoria colectiva de Cangas fondas cicatrices de dor e de medo, que ó final quedaron inmortalizadas pola tradición oral.

É o caso dun famoso poema anónimo da época, que nos di nunha das súas estrofas:

“…Viñeron os mouros arrenegados,
lá de moi lonxe, lonxe, lonxe.
Todo arrasaron e estaba el
Ala para moi lonxe, lonxe, lonxe,
¡Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!

 

Fonte: Concello de Cangas

 

Comparte!!!

Relacionados