Fotografía: Mateo Fontan Couto
O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, que tantas iniciativas saca cara adiante, tivo a ben a posta en marcha dunha serie de publicacións dedicadas ás parroquias do municipio. As tres primeiras xa están pola segunda edición, son as que falan de Cesantes, Trasmañó e Ventosela na pluma de tres bos coñecedores destas paraxes.
Para a parroquia de Cesantes contouse coa autoría de Lola Míguez, integrante do Seminario de Estudos Redondeláns, a cal mediante un relato curto introduce ao lector nas vicisitudes emocionais deste lugar. Elías é o protagonista do conto, herda unha casa onde pasaba tempo de cativo. As lembranzas van xurdindo como imaxes mediante unha escrita agarimosa: a antiga telleira, como un patrimonio esquecido; a Praia Vella; as illas de San Simón e Santo Antón; o peto de ánimas da Macarella; o cruceiro do Cebreiro… Por medio deste personaxe a autora fainos partícipes dos aires e as fermosas paisaxes que loan a Cesantes.
O arqueólogo Xurxo Constela é o autor do texto sobre San Vicente de Trasmañó. Desta vez atopámonos cun escrito de carácter máis técnico, pero tamén amable. Divide o libro en cinco pequenos capítulos: “Situación”, “Natureza”, “Medio Humano”, “Historia” e “Patrimonio Arqueolóxico”. Trasmañó presenta peculiaridades tales como saída ao mar; zonas acuíferas e anegadas que reflíctense na toponimia dos lugares; as pedras, ou mesmo unha planta endémica atrapainsectos. A ruta polos muíños, escoltando o descorrer do río Fondón, resulta suxestiva ao camiñante. Tamén os ricos vestixios arqueolóxicos, no monte Mirallo, conforman un forte e ineludible atractivo. Creouse a web montepenideprehistórico.com coa finalidade dun mellor coñecemento destes remotos testemuños mediante un “Museo virtual”.
Ventosela, entre veciños máis denominada San Martiño, é a parroquia da que escribiu Olga Nogueira: acordeonista, filóloga e xestora cultural. Divide o libriño en catro capítulos correspondentes aos catro elementos. No primeiro, dedicado á auga, ten cabida a traída, as normas e dereitos sobre tan importante recurso; tamén as cinco fontes parroquiais -que foron seis-; os muíños das Velascas e o do Regueiro, este último co interesante personaxe de Xoaquín o Tareixo, e ata o edificio da escola. O lume titula o segundo apartado; resulta unha alegación contra a lacra dos incendios forestais e a especulación do monte, aínda que tamén se fan liñas sobre o lume amigo. O terceiro capítulo trata da terra: oda ao minifundio, microtoponimia, apelidos, persoas e negocios… No derradeiro episodio é quenda, claro está, para o vento, escultor dos impresionantes conxuntos de pedras que conforman un inesquecible itinerario. Tamén nos fala a autora sobre o leite, da importancia da celebración do magosto e o xogo das buxainas, da igrexa ou dos maios e as coplas.
Tres estilos diferentes e persoais que traen ao noso coñecemento tres fermosas parroquias redondeláns en forma de xeitosos opúsculos, os cales podemos adquirir gratuitamente tanto na biblioteca de Chapela, no Multiúsos da Xunqueira ou en determinados establecementos hostaleiros que apoian a campaña. Que non pare aí a cousa, e que máis cedo ca tarde podamos gozar do que nos teñan que contar sobre as outras dez parroquias.