Concepción Arenal: Unha vida para divulgar

Fonte: www.elespanol.com

O 31 de xaneiro de 1820 nacía na cidade de Ferrol Concepción Arenal Ponte. Pasa a infancia na Coruña; outras localidades como Tudanca,  Armaño ou Potes, todas en Cantabria, terán importancia durante a súa vida; tamén as cidades de Madrid, Gijón e Vigo onde pasa a derradeira etapa ata a súa morte. Atopámonos nos anos seguintes á Guerra da Independencia, nunha España que volve abrazar ao Antigo Réxime, encarnado na figura de Fernando VII. Naquela época as ideas liberais comezaban a agromar na sociedade, aínda que de xeito restrinxido e moi paulatinamente. A maioría da poboación vivía allea á política, polo que o o liberalismo fráguase entre a burguesía e as elites culturais.

O pai de Concepción, Ángel del Arenal, destacara pola súa oposición ao rei e ao réxime monárquico. Mais a tenra idade dos nove anos Concepción perde a seu pai. As tempadas que a causa da súa rebeldía pasou no cárcere podería ser a orixe da enfermidade que finalmente o matou; este feito, resultou fundamental no pensamento de Concepción  Arenal acerca da reinserción. Pensemos que foi ela quen creou o sistemas de visitas ao preso, considerando estas visitas, ademais de humanamente necesarias, imprescindibles para o proceso de rehabilitación do reo. Frase súa é: «Condena al delito, pero no al delincuente».

Cando morre o seu pai trasládase a Cantabria coa familia. A súa nai inculcaralle unha forte educación relixiosa. Con catorce anos vaise a Madrid xunto a seu tío materno Antonio Tenreiro, segundo Conde de Vigo, o cal fortalece a doutrina cristiá de Concepción pero tamén lle facilita lecturas diversas e permítelle acudir a reunións culturais. A nai, coa filla en Madrid, desexa que estude nun colexio para señoritas distinguidas; isto non gusta a Concepción, xa inclinada cara a avogacía e os ideais do seu pai. Así que despois dos estudos escolares continua formándose por conta propia, rexeitando o tipo de vida reservada á muller da época o que puido crear disensións coa súa nai. Con vinte e un anos, e tras a morte da nai, decide estudar na Universidade.

Na época as mulleres no podían acudir á Universidade. Ante esta imposibilidade, Concepción acude como oínte e vese obrigada a vestir de home na facultade de dereito da entonces Universidad Central de Madrid, hoxe en día Complutense. Concepción  Arenal foi a primeira universitaria da nosa historia. Hasta fai non moito existía un monumento seu preto da Universidade onde se representaba simulando ser un home, con maletín e pelo curto. Pese a non poder matricularse, sempre se recorda a súa condición de avogada ademais da de socióloga e escritora.

Durante estes anos coñecerá ao que sería o seu marido: Fernando García Carrasco, tamén avogado e escritor. Era un home respectado e con ideas liberais. Ambos participarán na elaboración en 1854 dunha revista chamada La Iberia onde Concepción escribe algúns artigos con pseudónimo. Do matrimonio nacerían tres  fillos, pero en 1857 Fernando morre a causa da tuberculose o que suporía un golpe moi duro para a súa dona, Concepción.

Ao non poder seguir vivindo en Madrid trasládase a Colloto, en Oviedo, xunto aos seus sogros. Pouco tempo despois irase cos seus fillos a Potes. Foi entonces cando escribiu algunhas obras que presentará a concursos literarios como La fórmula más bella del progreso es la de la perfección moral, a cal asina con pseudónimo masculino, volvéndose a converter en home.

En 1859 funda, animada polo seu amigo o músico Jesús de Monasterio, a rama feminina das Conferencias de San Vicente Paúl. Este colectivo partía da diferenza de concepto que para eles significaban os termos caridade, beneficencia e filantropía: «La benificencia manda al enfermo a una camilla, la filantropía se acerca a él y la caridad le da la mano», escribiu Concepción. O obxectivo era concienciar e chegar a crear grupos de persoas con vontade para adoptar a pobres e enfermos, tentando de resolver as súas necesidades na procura dunha recuperación social destas persoa. Nun ano formáronse máis de 70 grupos, pero en 1868 o goberno provisional da República suprime as Conferencias de San Vicente Paúl. As protestas de Concepción farán que se restablezan.

Fonte: www.filosofia.org

Concepción foi unha gran defensora dos denominados desherdados sociais: pobres, enfermos e tamén presos aos que consideraba vítimas da súa situación económica e social. Traballou en mecanismos para o fomento da solidariedade, reclamando a colaboración do Estado e máis da Igrexa. Está considerada como unha pioneira do feminismo a causa da súa loita polos dereitos da muller, para a que reclamaba maior influencia na esfera social e relixiosa. En 1869 funda o Ateneo Artístico e Literario de Señoras coa axuda de Fernando de Castro, un filósofo e teólogo comprometido co desenrolo social. En 1870 funda a revista La voz de la caridad, aquí postula a favor do krausismo (corrente que defendía a tolerancia académica e a liberdade de cátedra) e propón ideas para o sistema penal que influirían nas reformas de prisións en Inglaterra.

A súa abundante obra inclúe fábulas, teatro e incluso unha zarzuela. Na Voz de la caridad publica un serial de enorme relevancia e con certo resaibo marxista titulado «Cartas a un obrero». Con Juicio crítico de las obras de Feijoo gañaría outro premio literario.

En 1875 vive en Gijón pero sempre mantén o contacto con Galicia. A súa vida, nada doada por momentos, da testemuño da forza de Concepción. Recorda con tristura ao marido e sufrirá a morte da súa filla Concepción. Tras a morte doutro fillo, en 1888 instálase en Vigo onde morrería un catro de febreiro de 1893.

Para Concepción Arenal a sociedade tiña a chave para loitar contra a exclusión. É  autora de frases brillantísimas que sintetizan a súa obra, que é o mesmo que dicir a súa loita. Abundantes estudos –faltan moitos aínda– dan conta da vida e obra de Concepción –a RAH dedícalle unha das fichas biográficas máis longas entre as das mulleres e os personaxes galegos–. Unha muller de carácter, crinte pero heterodoxa, moderna, de enorme valía intelectual e vasto coñecemento científico; cunha obra pioneira, influinte e indispensable no avance dos dereitos sociais desde o humanismo liberal. Seu epitafio faille xustiza: «A la virtud, a una vida y a la ciencia».

Comparte!!!

Relacionados