‘Correndo por Ourense’ abre o prazo de inscricións

O Consello Municipal de Deportes abriu o prazo para inscribirse no circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense, que acada a súa novena edición cun calendario de seis probas que comezan no mes de maio, coas citas do  Vinteún (día 5) e do Couto (día 25). Para anotarse só hai que seguir as instrucións do espazo web [www.deportesourense.com] até o mércores anterior a cada carreira, volvéndose abrir o luns seguinte a cada proba. Ten un custe de 7€ (para as 6 carreiras) para as categorías sub18, sub23, sénior e máster. Para as demais categorías será gratuíta.

“Ourense é unha cidade de carreiras. Pero o circuíto Correndo por Ourense é unha proba especial porque converte aos barrios en protagonistas, e nos invita a  gozar do deporte descubrindo a nosa contorna”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. O rexedor convida a cidadanía “a participar e correr por Ourense, porque é unha fantástica cita coa saúde e para o lecer en familia”.

A inscrición e o dorsal son únicos para todo o Circuíto, por tanto, as persoas   inscritas nalgunha carreira do Circuíto quedan automaticamente inscritas para todas as restantes e deben conservar o dorsal en boas condicións. É obrigatorio levar o chip na zapatilla e o dorsal ben visible no peito. A recollida presencial dos chips e dorsais na primeira das probas realizarase o sábado 4 de maio de 2019 no Pavillón dos Remedios de 10:00 a 20:00 horas.

Todas as carreiras darán comezo ás 11 horas, agás a nocturna do Couto ás 22 horas. As probas pertencen ao calendario da Federación Galega de Atletismo e están controladas polo Comité Galego de Xuíces e cronometradores da FGA (Delegación de Ourense), e para optar á clasificación final será preciso participar en, polo menos, 5 carreiras.

Porén, a filosofía destas probas supera o ámbito competitivo: A idea do Concello de Ourense é a de apostar por un circuíto popular para que os veciños dos barrios practiquen actividade física de xeito regular, adquiran un verdadeiro hábito que os achegue a unha vida máis saudable, e de paso se preparen para a cita de novembro, a San Martiño.

Desta forma, o calendario queda configurado do seguinte xeito: Domingo 05 de maio, O Vinteún; sábado  25 de maio, O Couto (nocturna); domingo 30 de xuño, Centro da cidade; domingo 8 de setembro, Zona Universitaria; domingo 29 de setembro, A Ponte; e domingo 20 de outubro, A Carballeira.

+INFO CLICK AQUÍ

Comparte!!!

Relacionados