Do Lobo

Lobo ibérico. (Fotografía: www.eldiario.es)

Durante séculos o lobo posuíu un forte compoñente simbólico nas diferentes poboacións, maiormente de carácter negativo. Por isto, o seu legado etnográfico resulta amplo e fortemente suxestivo: mitos e lendas, medicina tradicional, refráns, cancións e danzas, trampas lobeiras, etc. Para a protección contra o lobo encomendámonos a santos como San Francisco de Asís, San Froilán ou San Brais, entre outros, que obtiveron moita devoción sobre todo durante o medievo. O perigo que o lobo representou sempre para o gando fíxoo un ser indesexable nas comunidades rurais, dotado dun compoñente maléfico e relacionado co demoníaco. Dicíase que a mirada do lobo tiña a facultade de paralizar, e que este animal estaba presente en rituais de bruxería; ademais empregábanse partes do lobo para feitizos, afrodisíacos e remedios. A actitude cara o lobo tan negativa nas zonas rurais foi mudando no contexto urbano co paso do tempo. Prodúcese deste xeito o que coñecemos como conflito do lobo.

Matar o lobo foi durante moito tempo un acto de xustiza, vinganza ou de imposición do cultural sobre a natureza. Seguindo a Taboada Chivite,  as monterías organizadas en Galicia para a súa caza podían ser de dous tipos: de recreo, diversión ou deporte realizada pola nobreza e os monarcas; ou obrigatoria, tamén denominada concejil, a cal estaba convocada e dirixida polo denominado Montero maior, que era elixido polos veciños das diferentes aldeas ou ben polo señor. Nestas monterías comunais participaba un individuo por cada pobo portando armas: gadañas, sachos, etc. Así mesmo, era apreciado o uso de cans aos que se lles cortaba as orellas e poñíanselle colares defensivos para evitar as mordeduras no pescozo. Cada aldea estaba obrigada a tomar parte na montería e asumir as posibles sancións, en diñeiro ou especie, da no asistencia do representante ou da mala pericia. Ademais un individuo de cada aldea portaba o denominado taleiro ou taloura, especie de estandarte para indicar a situación de cada pobo e a dirección que seguía a besta. Durante a montería dábanse gritos e insultos cara o animal; fuxindo do estrondo o lobo era conducido ata que finalmente caía no foxo.

Foxo do lobo en Covelo. (Fotografía: concellodecovelo.es)

Os foxos representan unhas das trampas máis desenvoltas na captura das bestas, en especial do lobo. Hoxe en dia constitúen un dos elementos máis atraentes do noso patrimonio etnográfico material. Podemos diferenciar cinco tipos de foxos.

 

  • Foxo simple: o máis antigo, pudendo proceder desde tempos prehistóricos, consiste nun simple pozo ou buraco no chan. Co tempo iría evolucionando.
  • Foxo de cabrita: composto por unha construción circular pechada. No interior e no centro, sobre un muro ou atado a algún elemento, colocábase o cebo. Cando o lobo entraba no recinto xa non podía saír devido ao remate superior dos muros en laxes planas de maior grosor cara o interior, as cales impedían a saída.
  • Foxo de paredes converxentes: dúas largas paredes paralelas cuxo vértice remata no foxo. Este tipo de trampa responde claramente ao espírito comunitario na caza do animal, pois estaba ligado a grandes batidas. Soen aproveitar a orografía do terreo, ademais as paredes poden conter diferentes portas. Dous foxos de paredes converxentes, un ao carón do outro, forman un foxo dobre.
  • Foxo de trampilla: construción rectangular composta de muros de pedra cunha trampilla de madeira na parte superior. O peso do animal facía xirar a trampilla, caendo no foxo.
  • Foxo de curral: un cercado circular formado por estacas ou postes unidos mediante arame de espiño. No medio situábase unha especie de zócolo onde colocábase o cebo. O lobo quedaba atrapado nuns lazos postos nunhas separacións entre as estacas, por onde o animal trataba de entrar. Este tipo de trampa e máis moderna que as devanditas.

O pais galego posúe moitos exemplos de foxos para a caza do lobo. O seu estudo e conservación vai aumentando paulatinamente. Algúns foxos enchíanse de auga para que o animal afogara dentro. En ocasións os mozos votábanse ao foxo para loitar coa fera. O encarnizamento co animal facía que chegaran a coserlle os beizos ou a “pasealo” coma se fose un trofeo. O certo é que era moi frecuente que despois da batida fixésese festa, a cal adoitaba comportar grandes bebedeiras; isto pode estar no xermolo da prohibición das monterías. Documentados desde o século X –aínda que probablemente viñeran de moito antes–  o uso dos foxos perdurou ata, máis ou menos, os anos sesenta do pasado século. Outras trampas e armas que se adoitaban empregar eran a rede, lazos, garamelos, anzois, velenos, a ballesta, a escopeta, etc. Outro tipo de axudas contra o lobo eran os cans ou tamén as oracións.

Hoxe en día unha actitude diferente ante o medio natural e os animais salvaxes provocou un cambio sociocultural. Os animais xogan un papel destacado na identidade e cultura dos pobos; o simbolismo dun animal adoita ser polisémico, son como metáforas da vida social. No caso galego o simbolismo do lobo pode reflectir sensos diversos e ata contraditorios, un exemplo atopámolo nos contos populares.

O lobo pasou a ser, tal e como nos explica o doutor Almarcha,  un emblema da defensa da natureza, isto provocou certa deificación do animal que pasou a ser un símbolo espiritual, de harmonía na natureza e símbolo, ao cabo, para un cambio social. Tal e así, que fálase do xurdimento dunha relixión do lobo. Un tótem vinculado á saudade do pasado romántico e oposto ao modelo socioeconómico da modernidade. O conflito do lobo, que confronta a visión rural coa urbana, atópase nunha encrucillada resolta de diferentes maneiras para diferentes territorios. O certo e que o carácter fascinante que envolve a presenza deste animal segue a remover as emocións colectivas e de cada un.

(Fotografía: deverdaddigital.com)

Para saber máis:                                                                                                                                          

ALMARCHA, F.: El lobo. Tótem y tabú, Tundra, 2018.

IGLESIAS MACEIRA, A. J.: «Los “foxos” de lobos en el noroeste peninsular», Boletín Amigos do Arqueolóxico de A Coruña, Nº 20, 2011, pp.26-33.

LAGOS ABARZUZA, L.: «O foxo do lobo», A Pedreira, Nº 3, A Lama, 2005, pp.7-20.

SOBRADO CORREA, H.: «Los enemigos del campesino. La lucha contra el lobo y otras “alimañas” nocivas para la agricultura en la Galicia de la Edad Moderna», Obradoiro de Historia Moderna, Nº 12, 2003, pp.105-139.

TABOADA CHIVITE, J.: «Montería y corrida de lobos en Galicia», Boletín Auriense, Nº 1, 1971, pp.187-198.

VEGA PATO, T.: «O curro do lobo. Descripción dunha trampa tradicional para a caza do lobo (Cernado-Manzaneda)», Raigame, Nº 2, 1996,  pp.56-61.

 

 

Comparte!!!

Relacionados