A colaboración entre o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Sanxenxo e o centro Vithas Saúde Fisium desta localidade, permitirá desenvolver a partir do próximo mes de maio pilates para familias. Esta iniciativa está dirixida a grupos de pais e nais acompañados de nenos e nenas a partir de catro anos.
Nesta ocasión, ao ser unha actividade impartida por licenciados en INEF e especializados en Pilates e Ioga, os exercicios centraranse fundamentalmente na prevención de futuras doenzas; así como a corrección de postura.
As sesións celebraranse unha vez á semana, os venres, en dous horarios a elixir, empezando ás 18:30 ou 19:30 e cunha duración total de 45 minutos. A inscrición pode facerse de maneira presencial no centro situado en Avenida Luís Rocafort Nº33 Baixo ou a través do email infosanxenxo@vithas.es.