La lengua Por Castelao

(El texto está escrito en galego, se respeta el idioma de origen)

No aspecto gráfico a lingua que empregou Castelao é semellante á da actual normativa da lingua galega. Utilizou o x, o ñ e o ll, nun rexistro escrito que ó longo do tempo se vai afastando do rexistro falado, así a segunda forma do artigo cada vez ten menos presenza na lingua escrita de Castelao ata desaparecer, agás para reproducir diálogos de personaxes populares, igual acontece coa contracción de a máis o que nun primeiro momento representaba contraído como ô.

“¿Ten Galiza un idioma proprio? 
Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que aínda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas.” 
—Castelao Sempre en Galiza (1944)

Seguindo a tradición do galego moderno escrito non representou graficamente o timbre das vogais medias, agás nuns poucos casos na súa primeira época mediante o uso do acento circunflexo (lêr por exemplo). O uso do apóstrofo está presente de forma abondosa no primeiro Castelao pero gradualmente chegou a eliminalo dos seus escritos. O trazo utilízao en formas como po-lo e todo-los dun xeito constante ó longo da súa obra. Na súa escrita mantéñense características propias do galego de Rianxo, pertencente ó galego occidental como os plurais en -ns, a forma -án para o feminino, terceira persoa do singular do pretérito indicativo en -eu.

Importancia da lingua galega en Castelao

A miúdo Castelao vinculaba o futuro de Galiza ó futuro da lingua galega:

A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.

—Castelao. Sempre en Galiza.

Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.

—Castelao. Sempre en Galiza. 

Consideraba, ademais, o castelán como unha lingua invasora, rexeitando enérxicamente o bilingüismo:

Un pobo sometido á loita de dous idiomas acaba por non saber espresar o que sinte. Cando a un pobo que canta e fala nunha língoa creada polo seu proprio xenio, se lle impón a obriga de adoptar un idioma estraño á súa personalidade afectiva, prodúcese un esmorecimento do lingoaxe que comeza pola inhibición e remata pola impotencia.

—Castelao. Sempre en Galiza.

E xa é hora de decir que Galiza será forte en Hespaña cando se negue a falar en castelán e fale fortemente a súa língoa.

—Castelao. Sempre en Galiza.

¿Con que dereito se nos obriga a deprendermos a lingua de Castela e non se obriga aos casteláns a deprenderen a nosa?

—Castelao. Sempre en Galiza.

Castelao empregou sempre a verba Hespaña con H diante para facela derivar de Hispania.

(…) Hespaña, cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico. Sacámolle á verba España todo canto ten de prosapia castelán (abonda engadirlle unha H para derivala de Hispania) e con ela abranguemos a Península enteira, facéndoa sinónima de Iberia.

—Castelao. Sempre en Galiza

Hespañoes somos, de hespañoes debemos prezarnos tódolos habitantes da península; pero de casteláns, non.

—Castelao. Sempre en Galiza.

Concebimos a Hespaña como un soio estado, constituído polo libre consentimento de catro pobos: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza.

—Castelao. Sempre en Galiza.

Fonte: https://gl.wikipedia.org/

Comparte!!!

Relacionados