Luís Amado Carballo: O Xove Poeta Pontevedrés

Con tan só 26 anos de idade morría en Pontevedra, a causa da tuberculose, Luís Gustavo amado Carballo, un dos poetas de maior influencia na lírica galega posterior a pesares da súa curta idade e obra que deixou feita. Naceu en Pontevedra un 2 de maio de 1901 na casa número 9 da rúa do Progreso, hoxe Benito Corbal. Fillo de Luís Amado de la Riega e Consolo Carballo Pesqueira, natural de Pontevedra o primeiro e de Redondela a segunda. Seus avós tamén eran da cidade do Lérez coa excepción da avoa materna que era natural de Santiago de Compostela. O apelido de la Riega o emparentaba co celebre historiador Celso García de la Riega, introdutor da teoría do Colón galego.

Foi ao colexio Balmes de Pontevedra e ao Instituto Xeral e Técnico da mesma cidade. Cursaría estudos superiores, entre Santiago e Madrid, en Filosofía e Letras sen que chegara a rematalos. Foi precisamente en Madrid onde fraguou o seu gusto literario, coñecendo diversos personaxes, frecuentando o faladoiro do café Pombo e colaborando coa publicación La Tribuna. Xa de volta en Pontevedra colaborará en A Nosa Terra. Os traballos sucederanse: en 1922 publica na revista Alborada –que el mesmo funda xunto a Xoán Vidal– o conto “Maliaxe”; durante 1924 vai publicando poemas en La Concordia, de Vigo; máis adiante traballará para El pueblo gallego, Progreso, Vida Céltica e outras publicacións. A novela Os probes de Deus chegou en 1925 na colección Lar.

Casou con María López Fernández na Basílica de Santa María o 10 de decembro de 1924; ambos se viran por primeira vez doce anos antes, no Teatro Principal, cando Luís, de fráxil aspecto, declamara o poema de Gastañaduy «Un vello paroleiro» e ela tocaba o piano en compaña de seu pai; a María dedicaralle os poemas contidos na súa obra Proel. Un ano despois, en 1925, contrae a tuberculose pulmonar que levarao a abandonar o xornalismo e retirarse, por prescrición medica, a Soutelo de Montes. Sen embargo, deixase caer polo barrio pontevedrés de Santa Margarida cando pode, e alí compoñerá a maioría dos poemas de O Galo. En 1927 titulouse coma mestre. O seu único libro de poemas publicado en vida foi Proel, en 1927. Máis adiante, amigos do poeta darán a luz O galo, compilación do material poético de Luís, publicado en Nós. Desde entón o interese pola súa obra foi medrando enormemente ata consideralo coma un renovador da lírica galega do momento. Ao cabo de ano de fenecer, o Seminario de Estudos Galegos homenaxeouno na súa sepultura no cemiterio de San Amaro. En 1982 se lle adicou o Día das Letras Galegas.

Cursaría estudos superiores, entre Santiago e Madrid, en Filosofía e Letras sen que chegara a rematalos. Foi precisamente en Madrid onde fraguou o seu gusto literario, coñecendo diversos personaxes, frecuentando o faladoiro do café Pombo e colaborando coa publicación La Tribuna. Xa de volta en Pontevedra colaborará en A Nosa Terra.

Mostrou interese polos temas esotéricos e seguiu de preto os movementos galeguistas –manterá polémicas con Vicente Risco–; a terra, descrita a xeito impresionista, será unha constante nos seus versos xunto ao amor. A lírica de Amado Carballo basease nunha métrica tradicional que da pulo a vivas imaxes paisaxísticas, descritas de forma maxistral. Pretende dar equilibrio a elementos enxebres xunto a outros de vangarda. A figura humana deixa o seu lugar na obra do vate a favor do paisaxe, ben sexa rural, urbano, mariñeiro, campesiño ou das terras do Lérez… Fálase dunha escola «pontevedresa», «hilozoista» ou «amadocarballista» a partires da obra de Luís Amado. O certo é que se foi moi cedo, cando comezaba a dar o mellor de si mesmo. Quen sabe ata onde podería haber chegado o seu delicado talento?;

NOITE
A cidade pesca á ardora
e diante da súa rede
de luces de ouro tomado
foxe a lúa como un peixe
(Proel, 1927)

Para saber máis:

– Amado Carballo, L.: Obras en prosa e verso, Edicións Castrelos, Colección Pombal-Serie Verde, Vigo, 1970.
-Filgueira Valverde, X.: “Amado Carballo no Día das Letras Galegas.1982.”, Terceiro Adral, Ediciós do Castro/Ensaio, Sada- A Coruña, 1984, pp.385-391.
– López Casanova, A.: “O sistema poético de Amado Carballo (para unha análise do impresionismo eglóxico na lírica galega moderna)”, en Eduga: Revista galega do ensino, Nº 38, 2003, pp.76-103 (Dispoñible en PDF)
– Ruibal, A.: Pontevedreses, edita Lérez Edicións S.L., Pontevedra, 2006, pp.56-57.

 

Comparte!!!

Relacionados