No Día das Letras Galegas 2016: Manuel María

(El texto está escrito en galego, se respeta el idioma de origen)

Manuel María Fernández Teixeiro  naceu nunha podente familia labrega de Outeiro de Rei, preto de Lugo. Nesta cidade residiu durante o seu Bacharelato cun tío cura, e frecuentou a amistade de Pimentel, Anxel Johán e Anxel Fole. Non rematou os seus estudios de Filosofía e Letras, e unha vez casado, instalouse en Monforte de Lemos, onde traballa de procurador dos tribunais e rexe coa súa esposa Saleta Goi a Libreria Xistral.

Na súa vida activísima de militante da cultura e da política, dirixiu a colección “Xistral” de poesía, plataforma inestimable de varios poetas máis novos ós que apoiou xenerosamente, colaborou e colabora con artigos na prensa, organiza actividades e recita e dicta conferencias sen descanso en tódolos sitios onde é chamado, sexan en Galicia ou no exterior. Premiadísimo en certames poéticos, é tamén narrador, ensaísta e dramaturgo e gran conversador.

Foi o primeiro poeta mozo que editou un libro na postguerra, o Muiñeiro de brétemas, publicado no 1950.

Dende entón, trinta libros de versos compoñen a súa bibliografía poética, a máis extensa da literatura galega.

A inmensa obra de Manuel Maria resiste á súa definición sucinta pola concorde variedade da súa musa, desde o intimista ó rabiosamente político, desde a cantiga popular ó soneto. Algunha crítica estreita céntrase nos seus desacertos, que sen dúbida os ten, pero que de ningún xeito poden facer esquecer que Manuel Maria é un dos máis grandes poetas galegos de tódolos tempos.

A obra completa de Manuel María componse de cuarenta e sete libros. En todos eles hai unha inmensa,  por non dicir infinita,  melancolía, tenrura, amor á natureza, un gran sentido ético e o que se chama realismo crítico.

“Poesía da vida, en definitiva, aberta ao cosmos da realidade desde un microcosmos esencial e humano” dice Miguel Anxo  Fernán-Vello na nota do Editor dos libros de Manuel María publicados por Espiral Maior.

(Publicado  17 Maio, 2016)

Comparte!!!

Relacionados