Unha publicación agardada sobre os exvotos en Galicia

En 1987 o Museo Provincial de Pontevedra organizaba unha mostra xunto co Musseé des Beaux-Arts de Brest sobre exvotos mariñeiros galegos e bretóns, a cal se puido gozar en ambas as cidades, primeiro na francesa a finais do devandito ano, e a comezos de 1988 na cidade do Lérez.

Esta mostra foi a raíz da cal xurdiría unha dedicación por catalogar e analizar os exvotos, en todas as súas variantes, no ámbito galego. Xosé Fuentes Alende foi o encargado de realizar labores de pescuda para a exposición, quedando enfeitizado polo tema. A partir de entón, dedicou case media vida ao estudo e a divulgación desta mostra de relixiosidade popular, anteriormente apenas tida en conta.

Fuentes Alende chegou ao Museo de Pontevedra en 1969, sendo un mozo estudante no Instituto da cidade. Como lles pasou a outros compañeiros seus foi “reclutado”por Filgueira Valverde, dado que este dirixía as dúas institucións. Aqueles estudantes de valía e que mostraban interese eran iniciados no Museo nas técnicas de investigación e no labor necesario a realizar nun organismo desa categoría. Deste  xeito facíase canteira e avanzábase no coñecemento da cultura galega e universal, fin último do modélico museo. 

Desde aquela Xosé Fuentes, e tras cursar estudos de Maxisterio máis de Xeografía e Historia,  non abandonaría á que se pode considerar a súa segunda casa, na que exerceu de bolseiro, subalterno, auxiliar… ata chegar a secretario técnico. Precisamente á figura de Filgueira Valverde e ao propio Museo dedicou varios traballos, xunto a outros principalmente de carácter etnográfico. A xubilación chegoulle en 2016. Do moito que tiña publicado sobre os exvotos galegos en revistas, actas de congresos ou obras colectivas, esperábase –eu así o cría– un libro que puidera compilar o seu coñecemento sobre o tema. Os tempos son chegados, e o libro xa está entre nós. 

Presentación do libro no Museo de Pontevedra (Foto: Mateo Fontán Couto.)

No marco do I Premio de Investigación “Olimpio Arca”, organizado polo Concello de Cuntis, viu a luz esta obra titulada Os exvotos na relixiosidade popular galega: a súa dimensión patrimonial, a cal se vería recoñecida por unanimidade co primeiro premio, sendo publicada por Andavira Editora. O libro estrutúrase en once capítulos precedidos por unha presentación institucional máis unha xustificación do traballo a cargo do autor. Nestes capítulos vaise debullando una concisa e didáctica visión sobre o mundo que envolve ao exvoto. O certo é que, por exixencias do concurso, o autor tivo que sintetizar os máis de cincocentos folios que sobre o tema leva reunido.

Nos dous primeiros capítulos vémonos introducidos acerca do que enténdese por relixiosidade popular, en diferentes concepcións apoiadas nas definicións e ideas de grandes antropólogos. Deseguido, e tras unha rápida ollada bibliográfica sobre o tema, abórdase o concepto de exvoto, establecendo a súa definición como “promesa feita por un voto á divindade en agradecemento e como recordo dun favor recibido”. Continua unha breve historia do exvoto xunto aos variados criterios de clasificación que se poden establecer. Seguindo a Rodríguez Becerra o noso autor fala de dúas categorías: os narrativos e os simbólicos . 

A partir do terceiro capítulo éntrase de cheo no estudo das principais manifestacións de exvotos, comezando polos pintados. Este tipo non é exclusivo de Galicia, podéndoo atopar tamén en outros sitios de Europa e América. O estudo atende a diferentes aspectos: denominacións; soportes, técnicas e cronoloxías; estrutura; os autores que asinaban algúns destes cadros; a extracción social dos oferentes… tamén outras cuestións como os intervenientes nestes exvotos que Fuentes Alende separa en suxeitos axentes e pacientes; os motivos causantes dos exvotos pintados;  as ofertas que os acompañaban en forma de bandeiras, lámpadas, misas…, ou o valor documental e gráfico destes cadros. Trátase do tipo de exvoto ao que máis páxinas dedica o autor. O texto vai apoiado de varias fotografías, destacando a gran cantidade procedentes do santuario da Escravitude.

Tras os pintados chégalle a quenda a varios outros tipos de exvotos nos seguintes capítulos: fotográficos, de cera, de madeira, metálicos, maquetas de barcos, etc. En todos eles aténdese ás súas características  e particularidades. Complementan o estudo dous capítulos dedicados aos obxectos para o culto e aos templos e monumentos como ofrendas e posibles tipos de exvotos. Pecha a obra as conclusións e unha extensa bibliografía.

O libro foi presentado primeiro en Cuntis e o vinte e tres de xullo tamén no Museo de Pontevedra onde Fuentes Alende estivo acompañado polo director do centro, Jose Manuel Rey; Carlos Valle, ex director do mesmo, e Lucila Ventoso, responsable da editorial Andavira. A obra para presentar regalouse aos asistentes, precioso costume que algúns criamos extinguida.

Con Os exvotos na relixiosidade popular galega: a súa dimensión patrimonial énchese un espazo importante sobre unha das máis latentes manifestacións de relixiosidade nos santuarios galegos. Templos pacientemente percorridos polo autor do libro, o cal demostra cun estilo pulcro, sen concesión a grallas, o respecto e tamén o agarimo que sente polo tema e, por tanto, tamén pola cultura galega.

Exvoto pintado no santuario da Escravitude. (Fonte: páxina de facebook do Museo de Pontevedra)

Comparte!!!

Relacionados