Exposición ‘O paraíso nesta esquina’. Museo Municipal de Ourense

O Museo Municipal inaugurou a súa nova aposta expositiva: ‘O paraíso nesta esquina’, unha colectiva dos artistas Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane que ocupará as salas 1 e 2 até o 17 de marzo. Na exposición mestúranse os lenzos de grande formato da artista ovetense, que xa expuxera no Municipal en 2013 -daquela con ‘El Gabinete de un aficionado’-, coas instalacións pictóricas de Seoane. Ambos, unidos pola súa amizade e pola paixón por ocupar espazos con arte, presentan unha particular versión do paraíso cheo de texturas e de elementos orgánicos e vexetais.

O traballo de Xosé Carlos Seoane consiste en cadros de corte expresionista planeados como “grandes apuntes”, debuxos e trazos sobre o lenzo como se fosen unha folla de caderno. Eses pequenos bosquexos sobre papel ou calquera outro tipo de soporte, a medida que se van transformando -con manchas de pintura, roturas ou envellecementos- acaban convertidos en obras acabadas ao enmarcarse. Papeis vellos, cartóns, marcos como parte integrante da obra, plásticos… envolven o papel, que se converte en protagonista.

Algunhas obras son simples debuxos individuais, outras están planeadas como polípticos. Así, Las mil y una flores é unha instalación pictórica que consta de 24 cadros de distintos formatos. Noutras, como Tableros, xoga co formato do xadrez establecendo variacións xeométricas no conxunto.

Malia seren obras moi diferentes, tanto na técnica coma nos formatos, os bosquexos de Xosé Carlos Seoane e os lenzos de Belén Padrón “maridan ben”, en palabras do primeiro.

Comparte!!!

Relacionados