Frei Martín Sarmiento. Un home adiantado ao seu tempo

Foto: Wikipedia// P. Lameiro / Busto de Martín Sarmiento (escaiola de Felipe de Castro, 1774). Museo de Pontevedra.

Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como Frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finado en Madrid o 7 de decembro de 1772, foi un relixioso e escritor galego. É un dos pais da Filoloxía románica en xeral e da galega en particular. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.

Con catro meses trasládase coa súa familia a Pontevedra, onde pasou a súa infancia e parte da mocidade. O 3 de maio de 1710, con 15 anos de idade, marchou a Madrid para ingresar na orde de San Bieito.

Ordenado presbítero no 1720, estivo en Asturias ata 1725 como profesor en Celorio e Oviedo. Tras esta etapa e despois de se despedir da súa nai en Pontevedra (desta viaxe de verán queda constancia nos seus escritos), asentouse definitivamente en Madrid, estancia só interrompida entre febreiro de 1726 e maio de 1727 para se trasladar a Toledo, e polas visitas que con certa frecuencia fixo a Galicia.

Dende 1723 coidou a súa amizade con Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, o Padre Feixóo, co que mantivo correspondencia ata a súa morte.

A instancias de Sarmiento creouse o Real Xardín Botánico de Madrid e dende 1743 reclamou a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades a imaxe dos que xorden na Europa da época, así como a constitución da Academia da Agricultura e a dotación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica.

No ano 1748 foi elixido abade do seu Mosteiro de San Martín de Madrid.

Foi un home adiantado ao seu tempo e loitador pola súa terra. Realizou análises da lingua galega, idea que foi seguida posteriormente polo Padre Sobreira, nunha época en que a lingua estaba desprestixiada polo centralismo que afogaba as manifestacións populares localistas. De grande importancia foron as súas viaxes a Galicia, a de 1745 (que durou 8 meses) e a de 1754. Foron verdadeiras expedicións científicas programadas e pensadas polo miúdo, nas cales descobre unha Galicia e un pobo cunha gran riqueza natural, cultural e patrimonial.

O SEU PENSAMENTO

Ramón Mariño Paz recolle as teses sobre a obra de temática galega do Padre Sarmiento. Na súa opinión xiran en torno a:

⇒ o problema lingüístico, semántico e de comunicación do galego como causa de atraso da súa patria;
⇒ o seu rexeitamento irado do castigo físico que sofrían algúns nenos por expresárense en galego na clase;
⇒a súa defensa convencida de que ós rapaces había que aprenderlles na mesma lingua que falaban na casa, e tamén se debía predicar e administrar os fregueses na lingua que lles era propia;
⇒ e, en definitiva, o seu convencemento de que isto implicaba introducir o galego na escola, nos xulgados, nas igrexas e na administración.

En 1944 fundouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, que pretende ser unha continuación do Seminario de Estudos Galegos. Neste instituto realízanse exposicións, publicacións e labores de investigación nas ramas de Humanidades e Ciencias Sociais.

Fonte: Wikipedia

 

Comparte!!!

Relacionados