Iluminación máis eficiente nos paseos termais de Outariz e a Chavasqueira. Ourense

Os paseos termais de Outariz e a Chavasqueira mellorarán a súa iluminación e eficiencia enerxética fruto do proxecto de colaboración entre o Concello de Ourense e a Deputación, que executará o ente provincial e que terá un orzamento de 48.000 euros.

O proxecto de colaboración co ente provincial súmase ás actuacións coas que o Concello vén apostando neste mandato por reivindicar e recuperar os espazos termais situados á beira do río Miño, con inversións por importe de 533.838 euros que significaron unha total renovación da contorna.

Desde xuño de 2015 puxéronse en marcha actuacións moi diversas, a través da colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, que permitiron  para dar resposta as demandas de veciños e turistas que se achegan ate esta área.

A principal novidade deste mandato foi a aposta polas novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia enerxética dos paseos turísticos e termais da cidade, de xeito que se mellore a iluminación da contorna ao tempo que se produce un aforro no consumo e unha mellora no Medio Ambiente.

Así, Concello e Deputación Provincial colaboran a través do Plan de Cooperación Provincial da Deputación que suporá un investimento de 48.000 euros para substituir a vella luminaria por tecnoloxía LED nos paseos de Outariz (805 metros) e da Chavasqueira (1.000 metros).

Con esta nova iluminación non haberá zonas escuras no paseo termal e axudará a garantir a seguridade nun tramo de 1,8 quilómetros.

Ademais da aposta polas novas tecnoloxías e a mellora da eficiencia enerxética nesta contorna, ao longo deste mandato puxeronse en marcha obras tan diferentes como aseos e espazos lúdicos para a práctica do deporte, melloras nos accesos á contorna e a protección das zonas termais fronte aos cambios de caudal do río Miño.

Tamén en colaboración coa Deputación de Ourense, as Termas do Muíño da Veiga conten cun acceso de tres quilómetros desde a N-120. O ente provincial destinou 60.000 euros para levar a cabo estas obras que consistiron no asfaltado aglomerado mixto dun primeiro tramo e capas de zahorra para o resto (por ser así como o require a Confederación Hidrográfica Miño Sil). A obra completouse coa construción de cembas (taludes) na zona máis próxima ao río.

Tamén se procedeu a mellorar a seguridade da contorna afectada polas crecidas do río Miño, entre a zona termal de A Chavasqueira e a zona do Tinteiro. En colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño Sil investironse 24.623 euros para acondicionar un talud que protexa esta zona contra as subidas e baixadas de nivel.

Pola súa banda, a través da colaboración coa Xunta de Galicia púxose en marcha un novo recinto de calistenia do Parque de Santiago (na contorna do Tinteiro), e procedeuse á mellora dos baños do espazo termal do Muíño da Veiga,  obras que supuxeron unha inversión de 132.000 euros.

A mellora dos aseos no espazo termal do Muíño da Veiga, en Eirasvedras – Quintela, foi realizada grazas a un convenio subscrito coa Axencia de Turismo de Galicia e supuxo o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso: a mellora de otros baños públicos na cidade.

Pola súa banda, a actuación no Campo de Santiago, significou unha reforma total do espazo de calistenia. Esta proposta evita a zona inundable e afectada por dominio público, garantindo así a súa permanencia. A zona para a cativada está pensada para poder xogar facendo exercicios e desenvolvendo habilidades e destrezas motoras, cun combinado de cordas e pontes de distinto tipo.

Para o público adolescente creouse unha zona cun elemento de barras colocadas en distintos puntos que permiten a realización de exercicios de calistenia tipo Street Work Out, con paralelas, espaldeiras e barras fixas.

Por outra banda, na zona termal de Outariz realizáronse actuacións por un investimento de 82.000 euros, mediante un convenio entre o Concello (que achegou 12.000 euros) e a Axencia de Turismo de Galicia  (cunha dotación de 70.000 euros). O proxecto permitiu realizar obras no bar con terraza, cuberta, aseos públicos, vestiarios e punto de información turística situados na contorna.

Este proxecto, contou cunha segunda fase que permitiu a renovación dos paneis informativos entre as áreas termais da Chavasqueira, O Tinteiro, Muíño da Veiga, Outariz e a Burga de Canedo.

No ano 2017, a colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia supuxo unha inversión de 116.000 euros para a mellora de infraestruturas turísticas na zona termal das ribeiras do río Miño, acondicionando os espazos xa existentes, incluíndo novas dotacións e equipamentos e a recuperación, posta en valor e conservación da biodiversidade natural e patrimonial da contorna do río. Ademais, procedeuse a gravación e produción dun vídeo turístico para a promoción de Ourense como destino turístico.

Comparte!!!

Relacionados