O Concello aproveitará as obras de rehabilitación do firme e mellora de seguridade viaria na Peralba (Marcón) para acometer os traballos de instalación da rede de saneamento do lugar, previstos nas melloras incluídas no contrato da auga asinado con Viaqua.
A Xunta de Goberno local deu hoxe luz verde a esta actuación (separada) no tramo de vía afectado polo asfaltado no citado lugar de Marcón, que ten un custe de 130.936,7 euros.
O portavoz do Goberno local e responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González, sinalou que este tipo de intervención na Peralba é idéntica a que se fai no Xistro-Salcedo e que se estenderá a todos aqueles casos nos que as obras de rehabilitación e reposición do firme ou de mellora da seguridade viaria e accesibilidade afecten a tramos de viais de parroquias nas que está prevista a implementación do saneamento ou da rede de abastecemento.
O obxectivo, engadiu Raimundo González, é facer as obras xuntas co fin de aforrar gastos, gañar en eficacia e evitar molestias innecesarias á veciñanza.