A vila de Bueu despide marzo cunha chea de actividades organizadas polo Concello e diversos colectivos. Así, este venres, o marinense Benito Piñeiro Sanjorge presentará ás 20 h na Sala Domínguez Búa o poemario Los créditos del equilibrio, nun acto organizado pola Librería Miranda no que estará acompañado da tamén poeta Carmen Quinteiro e do editor Ángel Marcelo. O sábado, o colaborador cultural Daniel Chapela organiza un recital poético aberto a partir das 12 h na mesma sala no que a protagonista será a poeta Emma Pedreira.
Pola súa banda, no Centro Social do Mar terá lugar ás 12 h unha charla- presentación sobre “Discamino”, na que participarán José Varela, presidente da Asociación, Javier Pitillas, o vicepresidente, e varios integrantes como Javier Fernández, Gerardo Fernández, Fani Pérez, Ana Soage e David Gil.
O proxecto “Discamino” nace en agosto de 2009 co obxectivo de facer a ruta xacobea máis accesible para todas as persoas. Concíbese como unha ferramenta para lograr que calquera persoa con algunha discapacidade poida gozar de todo o que o Camiño de Santiago ofrece.
Pola tarde sairá ás 16 h do peirao de Bueu a X Bandeira de Bateis, e no Centro Social desenvolverase ás 19.30 h unha conferencia informativa sobre fibriomialgia e fatiga crónica, un evento organizado por Asfigsur.
O Pavillón Municipal Pablo Herbello acolle o domingo, ás 18.00 h, un Festival Solidario co Pobo Saharaui, no que se recadarán fondos para o programa “Vacacións en paz”. O festival estará presentado por Codia e Miolo e o Pallaso Peter Punk, e nel haberá actuacións de zumba, Danza Oriental de Cangas, Club Rítmico Agarimo e A Illa dos Ratos.
E durante toda a fin de semana, a Asociación Protectora de Animais do Morrazo organiza unha exposición na Sala Domínguez Búa, coa que pretenden dar a coñecer a súa labor e recadar fondos.