María López Correa gaña o IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. Bueu

A viguesa María López Correa resultou gañadora do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares co relato “As fillas da Manola”, composto por catro historias de diferentes mulleres emparentadas entre si, unidas pola soidade ante os atrancos das súas vidas. Nelas reálzase a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres. Así o destacou o xurado que se reuniu esta mércores nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e que estivo composto por Marta Currás, María del Carmen Caramés e Carlos Freire, os tres con experiencia no panorama literario, e actuando como secretaria a directora do CIM, Montserrat González.

Este certame, dotado con 1.500 €, iniciouse no 2005 coma unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida na vila que ademais foi promotora de actividades culturais e grupos de teatro. Ademais, o concurso busca promover a reflexión e o debate arredor da igualdade entre homes e mulleres e da necesidade doutros relatos que reivindiquen novas formas de escribir a historia.

Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a varias persoas destacables no campo da cultura. Na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato Dúas cunchas; seguidamente, Xurxo Sierra Veloso, con As dúbidas de María; Xosé Alfredo Naz Fernández, con Círculo, Serafín Parcero Pérez, con Ollos de cinsa; María del Carmen Caramés Gorgal, con Días de namorar e Lola, e Alexandre Alonso Alonso con Xénero imperfecto.

Comparte!!!

Relacionados