Coa primeira fin de semana do período de Semana Santa chega a Vilagarcía o primeiro evento deportivo habitual nestas datas. Trátase do XVI Memorial Miguel Ángel González Estévez de baloncesto organizado polo CLB en colaboración coa Fundación Municipal de Deportes. Vinte e dous equipos infantís femininos e masculinos de Galicia, Valladolid e Portugal competirán no torneo que arrancoú onte 12 de abril, ás 16:30 horas e que se desenvolverá ata o domingo ás 14.30 horas nas instalacións de Fexdega. A novidade deste ano é a incorporación do Breogán masculino.
Vilagarcía recibirá a partir do venres 12 de abril a un total de 300 baloncestistas de ambos sexos e das categorías infantís que virán á cidade acompañados dos delegados e adestradores dos clubs, así como de familiares. A competición organizarase con catro grupos (dous masculinos e dous femininos) que disputarán un total de 64 partidos nas tres pistas homologadas para as competicións oficiais segundo a normativa da Federación de Baloncesto.
A comitiva completarase cos 48 membros do equipo arbitral que pitarán os partidos e actuarán como membros de mesa. O Memorial Miguel Ángel González está integrado nas Xornadas Arbitrais da federación galega de Baloncesto, polo que a actuacións dos árbitros e membros de mesa será avaliada polos xuíces federativos para decidir o ascenso nas categorías arbitrais.
A maiores, a organización aporta cerca de 100 persoas máis (directivos e técnicos do CLB, familias dos xogadores vilagarciáns e voluntarios) que se encargan de todo o operativo de recibimento, aloxamento, manutención e traslados dos equipos, así como da propia celebración do torneo.
Polas experiencias anteriores, os organizadores do Memorial calculan que a afluencia de público a Fexdega sexa dunhas 1.200 persoas en cada unha das tres xornadas.