A Organización do 2019 Pontevedra ITU Multisport World Championships, en coordinación coas autoridades competentes, decidiu facer un pequeno cambio no calendario das súas competicións para convivir xunto ás eleccións xerais convocadas para o domingo 28 de abril, data na que se tiña que celebrar o Mundial de Duathlon Standard e que obrigaba a importantes restricións na mobilidade urbana.
Finalmente este Mundial de Duathlon Standard para a categoría elite e “grupos de idade” adiántase ao sábado 27 de abril a partir das 17 horas, mentres que para os júniors e Paratriathlon mantense o domingo 28 pola mañá cun recorrido modificado que non terá practicamente incidencia na xornada electoral. Deste xeito, os participantes élite e os grupos de idade, que tiñan que estar obrigatoriamente o sábado pola tarde para o control de materiais da proba, poderán participar sen cambiar os seus plans de viaxe.
Polo tanto, o sábado 27 de abril mantéñense todas as probas previstas pola mañá do Mundial Duathlon Sprint (dende as 08:00), e na sesión de tarde celebraranse a maioría de saídas do Duathlon Standard (dende as 17:00).
Esta decisión, a máis favorable para o interese dos deportistas xa inscritos, foi posible grazas a coordinación entre todas as autoridades e o esforzo conxunto liderado polo Concello de Pontevedra, a Federación Española de Triatlón e a ITU (Federación Internacional de Triatlón).