A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro), que este ano alcanza a súa 56ª edición, da a coñecer as actividades enogastronómicas que terán lugar os días 3, 4 e 5 de maio de 2019 en Ribadavia.
Nos showcookings de este ano, na primeira xornada, o sábado día 4 de maio contarase coa presencia de cociñeiros tan destacados como a galardoada o presente ano cunha Estrela Michelín, Lucía Freitas (Restaurante A Tafona – Santiago de Compostela), que impartirá o seu obradoiro dende as 12.00 h, ou o recentemente premiado como Cociñeiro 2019 no pasado Fórum Gastronómico de A Coruña, Alén Tarrío (Bar Pampín – Santiago de Compostela) que presentará as súas propostas gastronómicas ás 20.00 h. Todos os pratos elaborados irán acompañados de viños das adegas presentes nesta edición do evento.
Como figura principal, no apartado vinícola, destaca a participación do sumiller Guillermo Cruz, distinguido como Mellor Sumiller de España en 2014, e que é un dos profesionais máis recoñecidos do mundo do viño. Participará comentando os viños que se degustarán nos showcookings e tamén será o encargado de guiar a cata concurso por parellas (sábado día 4 de maio, ás 18.00 h) que tan boa acollida ten entre os afeccionados ao viño e que este ano alcanza a súa terceira edición. Neste concurso, as parellas participantes terán que adiviñar os datos (variedades de uva, anada e nome) de 8 viños que serán seleccionados por Guillermo Cruz entre as 38 adegas que están presentes na 56ª edición da Feira do Viño do Ribeiro.
A sesión do domingo día 5 de maio correrá a cargo do cociñeiro Miguel Mosteiro (Chicolino Restauración) co obradoiro de cociña infantil a partir das 12.00 h.
Para participar nos obradoiros e catas é imprescindible mercar as entradas na Oficina de Turismo (988471275 ou turismo@ribadavia.es) ou na caseta de venda de copas situada na entrada do recinto.