A área de turismo do Concello de Allariz, xunto coa empresa alaricana Xeitura, organiza unha ruta interpretada por Allariz durante a Semana Santa.
Unha das novidades da programación da Semana Santa ao Vivo 2019 foi deseñada con motivo da grande afluencia de visitantes que se achegan a Allariz durante estas datas. A oficina de información turística de Allariz atendeu, na Semana Santa pasada, a máis de 3.000 visitantes procedentes na súa maioría doutras localidades galegas, de Asturias, Castela e León e Madrid.
A nova iniciativa “Ruta interpretada por Allariz” terá lugar os días 19 e 21 de abril a partir das 11:30h. O obxectivo é mostrar, durante dúas horas e acompañados de guías especializados na historia e patrimonio de Allariz, algúns dos recunchos con máis tradición.
A ruta comezará ás 11:30h na Oficina de Información Turística e visitará lugares senlleiros como o Castelo invisible, os tramos de muralla conservados e a estatua do Boi co seu significado pasado e presente. Os e as participantes percorrerán a vila onde a muller de Afonso X “O Sabio” mandou fundar o Convento de “Clarisas” para custodiar as súas xoias e onde o “Home Lobo” estivo preso e foi xulgado moito despois de que se tiveran construído ás igrexas de orixe románica como a de Santo Estevo, Santiago e Santa María de Vilanova. Visitarán o interior da igrexa de Santiago ao pé do Camiño e para rematar achegaranse ao río Arnoia, motor pasado e presente, corazón do que algún rei chamou a “Chave do Reino de Galicia”.
Os nenos e nenas tamén poderán participar nesta actividade, con percorrido de dificultade baixa, ata un máximo de 30 persoas inscritas por visita, polo que é preciso reservar praza, ata o día anterior, en turismo@xeitura.com – 609474976 . O custe da visita é de 5€ por persoa, 3€ para os veciños e veciñas que dispoñan da tarxeta de cidadanía e gratuíta para os nenos e nenas ata 12 anos.
Máis visitas durante a Semana Santa ao Vivo
Xeitura tamén se encargará doutras tradicionais visitas guiadas durante a Semana Santa: o roteiro de Armea (18 de abril ás 11:00h=) e San Salvador dos Penedos (21 de abril ás 16:00h). E o Centro de Eduación ambiental O Rexo organiza, as habituais visitas ao Rexo os días 18,19 e 20 de abril ás 17:00h.