O Concello de Ourense acoutará este xoves a contorna da Praza de San Marcial como paso previo á colocación das 12 novas árbores que devolverán a vida a un espazo verde que estaba moi degradado polo envellecemento das súas especies vexetais, un proxecto que conta cun orzamento de 15.000 euros.
Trátase dunha medida preliminar para garantir a seguridade dos veciños de cara a substitución das árbores, que está prevista para o vindeiro luns, 4 de marzo. Pero os traballos comezarán antes, mañá venres 1 de marzo, coa poda das árbores que aínda sobreviven nesta contorna.
O obxectivo do Concello e o de trasladar as que están sas até o viveiro municipal, coa intención de que poidan recuperarse antes do seu traslado a outros parques ou zonas verdes da cidade. Os traballos realizaránse co máximo respecto as medidas medioambientais.
A previsión é que o luns poida comezar o destoconado e a prantación das 12 novas árbores: 8 carballos (querqus robur) e catro pereiras ornamentais (pyrus calleryana). O proceso contará coa presenza da arqueóloga municipal e do responsable técnico de Medio Ambiente.
As prantas elixidas contan cun porte de ate 11 metros de altura, o que permitirá ofrecer a impresión dun parque vivo, con árbores que levan anos na contorna.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que a reposición das árbores “da resposta ao compromiso deste Concello por devolverlle a saúde aos nosos parques e xardíns, para que se convertan en puntos de encontro da nosa cidadanía e tamén para as persoas que visitan a nosa cidade, especialmente o Casco Vello”.
Para o rexedor a colocación destas árbores de enorme porte “vai permitir a cidadanía recuperar unha marabillosa arboreda no corazón da nosa cidade, con prantas que trocarán de color segundo as estacións e cuxo crecemento non vai ter consecuencias negativas sobre a contorna ou o mobiliario urbano”.
As especies escollidas
As especies foron escollidas tras un estudo encargado polo Concello e realizado pola empresa Valoriza. Para a súa elección apostouse porque non tivesen un crecemento excesivo que afectase ao levantamento do firme e a ocultación das fachadas. Pero tamén se escolleron pola súa especial adaptación á climatoloxía da nosa cidade, en especial a seca e as temperaturas extremas no inverno e no verán.
A proposta tamén fixo fincapé en que as especies escollidas tiveran tolerancia ás podas; un porte non excesivo, que permita ver as construcións que enmarcan a praza; así como polo seu valor estético, con coloracións outonais e que ofrezan aspecto diferente da Praza de San Marcial segundo a estación do ano.
As novas plantas substituirán ás árbores que quedan hoxe en día na Praza de San Marcial: catro plataneiros (Platanus hybrida) e dous arces (Hacer saccharinum).