O certame de poesía en lingua galega ou portuguesa abre ate o 12 de abril o prazo para presentar traballos
O Concello de Ourense convoca a edición número 35 do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que distinguirá o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. A xunta de goberno local aprobou esta semana as bases e a convocatoria do tradicional certame, dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora. O ano pasado tivo como gañador o poeta allaricense Carlos da Aira, coa obra “Prender os fachos, compoñer os ósos’.
O Cidade de Ourense está aberto a todas as persoas que desexen participar, de calquera nacionalidade, agás quen gañaron o premio nas 5 edicións anteriores. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata as 14 horas do 12 de abril.
As bases completas pódense consultar nos espazos web do Concello de Ourense (www.ourense.gal) e da Concellería de Cultura (www.ourensecultura.com) Os traballos terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos. Presentaranse preferentemente en soporte dixital ou en papel por quintuplicado, baixo lema, indicando “PARA O XXXV PREMIO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE” nun sobre pechado, no Rexistro Xeral do Concello (Praza Maior, s/n), directamente ou por correo certificado. As persoas que concorran de Portugal poderán entregar os seus traballos na Cámara de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos. Unha persoa pode presentar máis dunha obra ao certame, sempre e cando cada unha se presente de forma independente e cumprindo todos os requisitos.
O xurado estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador da edición anterior e unha persoa representante da Corporación que exercerá a presidencia. A súa decisión producirase no mes de xuño e será inapelable. Quen gañe tamén recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e formará parte do xurado na seguinte edición.