O Concello inicia en Tomeza a implantación da compostaxe individual no rural pontevedrés

O Concello de Pontevedra inicia en Tomeza o despregue dos composteiros individuais no rural pontevedrés dando paso unha nova fase da aposta municipal pola compostaxe, o sistema alternativo e pioneiro de eliminación de biorresiduos que se está a poñer en marcha na cidade.

O concelleiro delegado de Tomeza, Alberto Oubiña, informou hoxe do comezo do proceso que arrancará cunha xuntanza do Consello parroquial que terá lugar no Local social de Lusquiños o 17 de abril, ás 20.30 horas. Neste encontro buscarase a colaboración das asociacións e colectivos veciñais – “axentes colaboradores”- para a posta en marcha da compostaxe. “Queremos tratar con eles cuestións como a ubicación dos colectores, as dúbidas que poidan ter, a súa participación” indicou Oubiña.

Ademais a todas as vivendas de Tomeza chegarán cartas cun díptico explicativo sobre a compostaxe, unha descrición da campaña que se pon en marcha, un formulario de adhesión e unha relación de datas de charlas informativas colectivas.

As charlas informativas de presentación do proxecto faranse ao abeiro da colaboración que mantén o Concello, con Fruga (Federación Rural Galega) e a Deputación. Serán tres e todas no Local social de Lusquiños, ás 20.00 horas.

  • 30 abril, para á veciñanza de Lusquiños
  • 2 de maio, para os veciños e veciñas do Pobo, O Alcouce e Casal do Río
  • 3 de maio, para a veciñanza da Carballa, O Marco, Pomariño, O Pombal, Valadiña e San Pedro.

Nestas charlas poranse enriba da mesa aspectos como: o modelo de xestión do lixo, os beneficios da compostaxe, as obrigas legais; como compostar na casa, que se pode botar ou non no composteiro, as labores de inicio e mantemento, etc.

O reparto dos composteiros individuais farase no mes de maio, segundo o programa de posta en marcha presentado por Alberto Oubiña. Os centros individuais de tratamento de biorresiduos entregaranse en todas as vivendas da parroquias. O persoal de Fruga fará visitas individuais a cada unha delas para lles explicar o funcionamento dos composteiros e nos seguintes seis meses farán visitas de seguimento.

Alberto Oubiña subliña que o obxectivo do proceso de implantación da compostaxe é “estender ao rural o que está funcionando na cidade”, un proxecto “ilusiónante que mellorará o futuro dos que están por vir”. Agarda atopar “cómplices”, persoas dispostas a poñer en marcha un proxecto “novidoso, que funciona e que mellora o país, a terra e o medio ambiente”

Comparte!!!

Relacionados