O Faro da Illa de Sálvora

O faro de Sálvora está instalado nunha torre octogonal xunto a un edificio de mampostería, con forma de U. O seu alcance é de 21 millas e a súa luz é branca.

Na actualidade o faro aliméntase de enerxía solar, xa que no espazo interior do edificio instaláronse paneis solares.

Sálvora contou cunha pequena luz local desde o primeiro terzo do século XIX. Estaba situada no sur da illa, no saínte coñecido como Punta Besugueiros. Nese mesmo punto, alzouse logo o faro proxectado por Celedonio de Uribe, que constaba dun pequeno edificio cun almacén e un habitáculo para cada un dos dous torreiros.

Era un faro de cuarta orde e luz branca alternada con escintileos vermellos a intervaloos de dous minutos, visible a dez millas de distancia. Este faro foi suprimido segundo un acordo de 1904 que expuña a construción dun novo faro nun punto máis elevado que non reducise o ángulo de iluminación en dirección a Corrubedo e permitise ampliar a luz de cara o interior da ría.

O faro actual inaugurouse en decembro de 1921, grazas a un proxecto do enxeñeiro Ramón Martínez Campos, cunha arquitectura similar á do faro de Cabo Silleiro. Apenas inaugurado houbo que demoler case mil metros cúbicos de roca viva para acabar cos dous saíntes que obstruían a luz do seu escintileo. Máis adiante, a necesidade de espazo determinou a reforma da fachada oriental do faro para abrir espazo para os grupos electrógenos, as baterías e o almacén, así, como a fachada occidental, na que se habilitou un taller e unha nova vivenda.

As obras terminaron en febreiro de 1954.

Video: PARQUE DAS ILLAS ATLANTICAS. ISLA DE SÁLVORA

Comparte!!!

Relacionados