O Museo do Pobo Galego

Entrada de acceso ao Museo do Pobo Galego – Santo Domingo de Bonaval – Santiago de Compostela Foto Wikipedia / Lansbriscae

O Museo do Pobo Galego abriu as súas primeiras salas no ano 1977 no antigo Convento de San Domingos de Bonaval, na cidade de Santiago de Compostela, no lugar coñecido comunmente como Porta do Camiño.

Constitúese como un organismo ó servizo da comunidade e séntese comprometido na salvagarda dunhas tradicións e costumes que normalmente foron esquecidas ou relegadas da historia oficial, pero que son precisamente onde un pobo atopa as pegadas da súa identidade.

En virtude do que antecede, a Xunta de Galicia por decreto 111/1993 de 22 de maio, recoñeceu ó Museo do Pobo Galego como “centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia”, considerando que “non só actúa de feito como referente e estímulo para a creación doutros museos e coleccións de carácter semellante en toda Galicia, senón que pode ser considerado como esa cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia”. O Museo conta con salas permanentes: O Mar, O Campo, Os oficios, Música, Traxe, Hábitat e Arquitectura e Sociedade, memoria e tradición, ofrecen unha visión sintética da sociedade galega tradicional, un compendio da diversidade de Galicia, que sirva como referencia para a avaliación das distintas manifestacións dentro do conxunto e para impulsar o interese polo coñecemento directo e a procura de alternativas de futuro.

Escaleira interior do museo/ Foto:Wikipedia / Argosnet

Dispón así mesmo de espazos de exposición temporal, dun auditorio e dos servizos museísticos de Biblioteca, Videoteca, Arquivo Gráfico e sonoro, Administración e Departamento de Educación e Acción Cultural.

Foille outorgado no ano 2008 o Premio Nacional de Cultura tradicional e de base, un dos premios que integran os Premios Nacionais da Cultura Galega.

Vídeo: Museo do Pobo Galego


 Fonte: Wikipedia

Comparte!!!

Relacionados