O convento de San Francisco é un dos atractivos, artístico e monumental, máis destacados de Pontevedra. Na súa igrexa atopámonos con numerosos recunchos cheos de historia e certo misterio; as capelas amosan labras heráldicas e antigos soterramentos. Unha destas sepulturas, pertencente a Paio Gómez Chariño, goza de certa «fama» entre os pontevedreses, con permiso da de Fray Juán de Navarrete.
Pai Gómez de Soutomaior, o «Chariño» sería sobrenome, nace en 1225 sen que teñamos claro onde o fai; sen embargo a opinión dos expertos decántase pola idea de que sería en Pontevedra. Foi fillo de Gonzalo Gómez Chariño e a súa nai pertencía á casa dos Mariño. Froito do matrimonio serían tres fillos, Paio e as súas irmás Teresa e máis María. O aristócrata casaría con María Xiráldez Maldonado, a cal daríalle seis fillos: Fernán, María, Juana, Suero, Rui e Álvar Páez Maldonado; este último chegou a ser, como o fora o pai, Almirante Maior do Mar.
Formou parte da corte de Fernando III de Castela, baixo este reinado participa na toma de Sevilla no ano 1248. Tamén terá o seu lugar nas cortes de Afonso X e Sancho IV, tomando parte de conquistas en diverxas batallas navais. Durante 1286 peregrina a Santiago de Compostela acompañando ao rei, o cal vai concedendo privilexios a vilas durante o viaxe, algúns deles asináronse en Pontevedra no Agosto dese ano. Pasará un tempo afastado da corte ata que en 1291 apresa, baixo mandato do rei Sancho, a Juán Alfonso de Alburquerque, Adiantado Maior do Reino de Galicia; Paio ocupará o seu posto máis adiante. En 1292 colabora en sufocar a rebelión, promovida por Juán Núñez, contra o rei. Finalmente será asasinado en Ciudad Rodrigo no outono de 1295 por un parente afastado: Rui Pérez de Tenorio. Foi soterrado en San Francisco de Pontevedra, mosteiro ao cal outorgou varias regalías, incluído o soar sobre o que se ergueu.
Durante a súa vida Paio Gómez Chariño foi adquirindo títulos e nomeamentos, foi: primeiro Señor de Rianxo, Almirante da Mar de Castela, Adiantado Maior do Reino de Galicia, Alcaide de vilas e señor de castelos en Zamora… Pero cómpre salientar outra faceta do heroe: a de trobador.
Foi Paio, un dos máis grandes poetas do século XIII, e por extensión do medievo e a cultura galega. Del chegaron ata nós, a través dos Cancioneiros da Ajuda, da Biblioteca Vaticana e máis do Colocci-Brancutti, 28 composicións das cales 19 cantigas son de amor, 6 de amigo, un sirventés, unha cantiga de escarnio e unha peza a cabalo entre o sirventés e o escarnio. A súa obra recolle mostras da temática e de tódolos xéneros contidos na lírica profana galego-portuguesa. É un poeta que amosa mestría nas composicións e unha orixinal personalidade reflectida nos versos que falan do amor ou do mar, tan ligado a súa vida.
O sartego de Paio Gómez Chariño sitúase no lado da Epístola, moi preto das gradas do presbiterio. Consta de unha arca exenta feita en granito e unha tampa coa efixie do cabaleiro, sumido nun doce soño e portando as armas. Ten o rostro calmo e a cabeza sobre almofada e almofadón, as pernas cruzadas e os pés sobre dous leóns. As mans, con luvas, sosteñen a longa espada. A figura do almirante-trobador viste jubón e calzón pechado, na cabeza leva tocado un casquete polo que sobresae o cabelo en bucles. Na cabeceira do sartego atopamos o brasón dos Aldao ou Maldonado, coas súas características cinco flores de lis; no frontal da esquerda sitúase unha inscrición, en caracteres góticos, separada no medio polo brasón dos Soutomaior, di así:
AQVI: IAZE: EL MUI NOBLE: CABALLERO: PAYO
GUOMEZ: CHARINO: EL PRIMEIRO: SEÑOR: DE RRIANJO:
QUE GUANO: A SEVILLA SIENDO: DE MOROS: Y LOS:
PREVILEIOS: DESTA VILLA: ANO DE I…
Esta inscrición foi realizada moi posteriormente á feitura do sartego que podemos datar –segundo nos conta Chamoso Lama– cara 1308. Os bisnetos de Paio, Suero Gómez de Soutomaior e Juán Mariño serían os responsables, no século XV, de engadir a inscrición e os escudos.
O conxunto presenta varios danos como a falta do nariz e de parte da perna esquerda –detalle no que alguén quixo ver unha referencia a coxeira que sufrira na toma de Sevilla–, tamén a espada atópase partida e os leóns moi deteriorados. Non obstante, continua a ser unha gran mostra da escultura funeraria medieval galega.
O sepulcro ao lado do de Paio crese que pertence a súa esposa María Xiráldez Maldonado; pero, atendendo ao estilo, a figura da dama que se mostra sería de época posterior e pode que faga referencia a Doña Baltasara Clara de Soutomaior como indica unha nota do século XVIII, mal atribuída ao Padre Ojea. O misterio de quen xace ao lado do almirante aínda está por esclarecer.
O sartego de Paio estaría nun principio no que agora está o de Fray Juán de Navarrete. Ao trasladalo, foi posiblemente aberto e tamén sería usado, a modo de panteón familiar, polos descendentes. Así, en 1872 a Comisión de Monumentos realizou un recoñecemento no que retiraron un corpo momificado con hábito franciscano. En 1923 a Comisión realizou outro recoñecemento, Filgueira Valverde nolo conta no seu traballo adicado a Paio Gómez Chariño da seguinte maneira:
« Bajo diversidad de huesos se halló un esqueleto que tenía la calavera encajada en el hueco labrado en la piedra del sarcófago, como era costumbre, para asentarla. Estuvieron presentes el Guardián del Convento P. Lestón, Sampedro y Folgar. Pintos Reino, Francisco Riestra y Juán Argenti, miembros de la Comisión. Se levantó acta minuciosa y Novás hizo fotografías, que conserva el Archivo Gráfico del Museo de Pontevedra. Nadie dudó de que el esqueleto que estaba en el fondo fuera el de Pai Gómez Chariño. Cotarelo y otros estudiosos aceptaron el mismo criterio.»
Sempre sentín curiosidade por ver esas fotografías das que fala Filgueira, se cadra algún día paso polo Museo a preguntar por elas e desta maneira poderei contemplar a egrexia caveira do que foi un dos personaxes máis sobranceiros da nosa vila.
Para saber máis:
– FILGUEIRA VALVERDE, J.: Evocación de Pai Gómez Chariño, Cuadragésimo folleto de los conmemorativos de la Fiesta Nacional Día de la Hispanidad en Pontevedra, edita Excma. Diputación Provincial, Pontevedra, 1995.
– GARCÍA IGLESIAS, J. M.: “La iglesia de San Francisco es un ilustre panteón de Pontevedra”,http://www.elcorreogallego.es/tendencias/el-correo2/ecg/la-iglesia-de-san-francisco-es-un-ilustre-panteon-de-pontevedra/idEdicion-2014-12-14/idNoticia-905701/
– CHAMOSO LAMAS, M.: Escultura funeraria en Galicia, Instituto de Estudios Orensanos «Padre Feijoo», Orense, 1979. pp.148-151.
– VAZQUEZ CASAIS, J. A.: La herádica de los enterramientos en las iglesias de Pontevedra, Exma. Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1998, pp. 106-111.